Máis de medio milleiro de voluntarios para lograr que a Gran Final das Series Mundiais "sexa un éxito"

Pontevedra
18 de agosto 2023

"Estamos a traballar sen pausa para a Gran Final das Series Mundiais, é a prioridade do goberno", afirmou este venres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Ferández Lores, a escasamente un mes da súa celebración

Voluntario na Copa do Mundo de Tríatlon en Pontevedra
Voluntario na Copa do Mundo de Tríatlon en Pontevedra /

A escasamente un mes da súa celebración, a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon empeza a gañar protagonismo centrando moitos dos esforzos do goberno local de Pontevedra.

"Estamos a traballar sen pausa para que a Gran Final das Series Mundiais sexa un éxito. É a prioridade do goberno", asegurou este venres o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Trátase ademais dun evento, que ante a alta asistencia prevista de deportistas e afeccionados, fai que "haxa overbooking" en toda a comarca con "unha ocupación altísima que vai prolongar a tempada", defende Lores.

O rexedor sinalou ademais que para lograr que todo vaia segundo o previsto, tanto a nivel deportivo como de seguridade, serán necesarios "máis de 500 voluntarios".

Nesa cifra inclúese ao persoal que dará servizo aos deportistas e o necesario para garantir a seguridade das probas, cun dos eventos en especial centrando boa parte dos esforzos, xa que o Mundial de Grupos de Idade discorrerá no seu tramo ciclista pola N-550 ata Barro obrigando a un maior despregamento para minimizar as molestias.

Ademais dos diferentes coletivos de voluntarios implicados, como Protección Civil e persoal anotado para a ocasión, está previsto contar ademais con efectivos da Brilat durante todo o evento, tal e como confirmou o alcalde da capital.