Impulso municipal ao proxecto para dotar á cidade dunha instalación específica para o tenis de mesa, unha modalidade deportiva que traballa desde hai anos con numerosos nenos e que se consolidou co Monte Porreiro na elite grazas ao seu equipo masculino de Superdivisión e a un equipo feminino que rozou o salto á máxima categoría.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou este luns a elección do vello pavillón de Monte Porreiro, xunto á escola infantil, para convertelo nunha instalación específica para o tenis de mesa.
Trátase dun pavillón que actualmente "estaba desaproveitado na súa totalidade" ao estar "practicamente sen uso" e non contar con "ningunha condición de seguridade", sen chan adecuado, iluminación, climatización ou bancadas. "Era un perigo cando chovía un pouco", explicou o rexedor.
Segundo desvelou Lores, a remodelación do vello pavillón de Monte Porreiro superará os dous millóns de euros, cunha obras que na súa primeira fase necesitarán de 1,2 millóns que foron incluídos nunha modificación de crédito anunciada polo goberno local.
O Concello anunciou en 2020 a súa intención de dotar á cidade cunha instalación específica para o tenis de mesa, dando entón tres opcións ao valorarse á súa vez a posibilidade de construír un novo pavillón noutra parcela do barrio ou integralo co campo de fútbol e rugby.
Tras dotar á iniciativa de partida orzamentaria coa citada modificación de crédito, agora está previsto elaborar no prazo de dous meses o proxecto definitivo para poder licitar as obras.
"PODE SER UN IMPULSO TREMENDO A TODOS OS NIVEIS"
A noticia foi moi ben recibida polo principal club desta modalidade deportiva na cidade, o Tenis de Mesa Monte Porreiro, ao levar "tantos anos traballando e loitando por este momento. Pode ser algo moi beneficioso para o barrio e unha alternativa deportiva preciosa para toda a sociedade pontevedresa", defende o director técnico da entidade, Nando Álvarez.
"Somos considerados o mellor club de Galicia de tenis de mesa, un dos mellores de España, e tiñamos moitísimas limitacións para adestrar. Cunha instalación así, pode ser un impulso tremendo a todos os niveis, e pode converterse no primeiro Centro de Tecnificación de tenis de mesa de Galicia", sinalou ilusionado o tamén adestrador do club tras "moito tempo esperando este momento".