A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) saíu ao paso da polémica xerada pola venda de entradas para o partido da Selección Española Feminina fronte a Italia en Pasarón, tras esgotarse as localidades en poucos minutos.
O organismo federativo, a través dun comunicado, matiza en primeiro lugar que "circunstancias do estadio e motivos de seguridade reduciron o aforo notablemente e por baixo das 9.000 localidades".
Refírese a Federación á ausencia de butacas en varias zonas do campo, especialmente detrás das porterías, e que non puideron saír á venda, e tamén á distancia de seguridade esixida por UEFA e que inhabilitou a primeira fila de asentos.
En todo caso o maior número de localidades comprometeuse xa en preventa aos clubs femininos galegos nunha promoción que habitualmente realiza a Real Federación Española. "Foron moitos os que se sumaron a esta campaña comprando un número considerable de entradas que supera a metade do aforo dispoñible", confirma a Federación Galega.
Ademais a RFGF enviou dúas invitacións a todos os clubs de fútbol da provincia de Pontevedra "destinadas principalmente aos directivos en recoñecemento ao traballo diario que realizan".
Por último engádense "os compromisos habituais institucionais e de esponsorización dun partido internacional, o que ocupa a plataforma televisiva e a cota de entradas que deben reservarse para a afección visitante".
Todo un cúmulo de circunstancias que limitaron ao redor de 2.000 a venda de localidades ao público xeral ocasionando o 'sold out' en apenas minutos coas queixas posteriores dos afeccionados que non lograron facerse cunha entrada para ver ás campioas do mundo.
Ante isto o organismo reitor do fútbo autonómico declarou que "lamentamos que moitos afeccionados quedaron sen entrada pero ao mesmo tempo satisfainos saber que o estadio vaia a presentar un sensacional ambiente cun cheo absoluto e, sobre todo, que a maioría dos que van estar no campo son persoas vinculadas ao fútbol feminino galego, especialmente nenas que se están iniciándose no deporte rei".