Lydia Pérez perde o bronce europeo en Minsk no combate de repesca

Pontevedra
28 de xuño 2019

A deportista pontevedresa optou a unha medalla de bronce na competición de loita dos Xogos Europeos mediante a vía da repesca, pero cedeu no seu último combate ante a rusa Mariia Kuznetsova

Lydia Pérez, nos Xogos Europeos de Minsk
Lydia Pérez, nos Xogos Europeos de Minsk

A medalla de bronce nos Xogos Europeos que se están a celebrar na localidade bielorrusa de Minsk estivo ao alcance de Lydia Pérez na competición de loita.

A representante pontevedresa cedeu o xoves na rolda dos 1/8 de final da categoría de -62 quilos, o que a deixaba a expensas de poder entrar na repesca se a súa rival, a ucraína Yulii  Tkach, progresaba no cadro como así foi.

Desta forma abríase unha nova posibilidade a Lydia de pelexar pola medalla de bronce continental enfrontándose á rusa Mariia Kuznetsova, que caera en 1/4 de final ante a mesma contrincante.

Este combate celebrouse á primeira hora deste venres, pero a xove deportista do Club Loita Pontevedra non conseguiu vencer finalizando cun marcador de 3-10 a favor da rusa, nun combate que se decantou cara á metade do tempo.

A cita serviu para sumar unha importante experiencia internacional pensando en próximas citas, como o Mundial que aparece no horizonte como primeira cita clasificatoria para Tokyo 2020.