Luz verde da Federación a un calendario que inclúe sete rallys en chan pontevedrés

Pontevedra
16 de marzo 2023

O Rally de Pontevedra está previsto para a primeira fin de semana de xuño e a partir do verán chegarán as clásicas subidas á Escusa, a Ponte Caldelas ou a Marín, así como os rallymix de Ribadumia, Portas e Cuntis

V edición do RallyMix de Cuntis
V edición do RallyMix de Cuntis / Cristina Saiz

A Federación Galega de Automobilismo deu luz verde ao calendario de competicións para o ano 2023, unha programación que inclúe un total de 62 competicións en chan galego, das que polo menos sete delas celebraranse nos arredores de Pontevedra.

A programación inclúe probas de todas as modalidades. Desde competicións en asfalto, de montaña, rallymix, autocrós, karting, slalom ou competicións oficiais do Campionato de España de Rallys. 

Nas probas de asfalto, a primeira competición que terá lugar en chan pontevedrés está prevista para a primeira fin de semana de xuño coa disputa da quinta edición do rally de Pontevedra, cuxo percorrido aínda non foi aprobado. A fin de semana anterior, celebrouse tamén unha nova edición do Rally Rías Baixas, puntuable para o Campionato de España, e que aínda se descoñece se o seu trazado volverá incluír, como o ano pasado en Ponte Caldelas, algún tramo pola comarca de Pontevedra. 

Como manda a tradición, as probas de montaña volverán copar as fins de semana do verán. Comezará a tempada no mes de abril en Oia para continuar o 10 e 11 de xuño coa vixésimo terceira edición da Subida á Escusa. O 2 e 3 de setembro está programada a sexta subida a Ponte Caldelas e a penúltima proba do calendario terá lugar o 4 e 5 de novembro coa segunda Subida a Marín. O campionato está composto este ano de nove subidas coa ausencia, por segundo ano consecutivo, da subida a Pontevedra.

Os campionatos de rallymix volverán ter este ano a súa cota de protagonismo. O 22 e 23 de xullo está prevista a terceira edición do rallymix de Ribadumia, o 26 e 27 de agosto, o de Portas; e o 23 e 24 de setembro, o de Cuntis.

A aprobación deste calendario tivo lugar na asemblea extraordinaria oganizada en Ourense polo ente federativo que serviu tamén para aprobar por unanimidade os orzamentos do 2023, lso regulamentos e calendario das competicións, a redución do salario para o presidente da Federación e o cambio de sede da mesma a Lalín.