Lupe Murillo queda cinco anos máis

Pontevedra
13 de abril 2021

A presidenta do Pontevedra renova o seu cargo para o próximo lustro consciente da mala situación deportiva que atravesa o equipo. Reafírmase no seu obxectivo de facer crecer ao club pero pide a unión de toda a cidade porque "aínda queda moito por facer" e porque "ou imos todos unidos ou o Pontevedra non ten futuro".

Xunta xeral de accionistas do Pontevedra CF SAD
Xunta xeral de accionistas do Pontevedra CF SAD / Mónica Patxot

Un dos puntos máis destacados da orde do día da xunta xeral de accionistas que o Pontevedra CF SAD celebrou este luns no Pazo da Cultura era o cesamento por cumprimento de mandato da presidenta da entidade, Lupe Murillo. A mandataria, que controla a maioría do accionariado do club, conseguiu os apoios necesarios para renovar o seu posto no consello de administración non sen antes pronunciar un emotivo discurso, defender a xestión do seu equipo, expresar o seu malestar polas críticas e prometer un xunta de accionistas monográfica para falar unicamente da situación deportiva da entidade. 

Despois de aprobar as contas do último exercicio e o actual orzamento, tomou a palabra a mandataria granate para realizar balance dos seus sete anos á fronte da entidade, á que accedeu para relevar a un conselleiro saínte para, dous anos máis tarde, ser elixida presidenta polo consello de administración. Un cargo que agora renovou para o seguinte lustro. 

Na súa alocución, Murillo defendeu a actual planificación do plantel nun escenario de "caos" polo reaxuste dunha categoría ao que o Pontevedra posicionouse en contra. "Aínda así fixemos un plantel ilusionante", insiste a mandataria facendo alusión a decenas de titulares de toda a prensa española nos que se recollía que o cadro granate tiña a "mellor dianteira da categoría". 

Defendeu tamén a súa xestión económica. "Xamais deixarei un euro máis de débeda do que me atopei", promete mentres alegaba que ao longo do seu mandato os abonos apenas variaron de prezo nin se realizaron grandes "alardes" económicos.

Do últimos cinco anos dixo Murillo, coa voz entrecortada e esforzándose para conter unhas bágoas que non puido reprimir ao agradecer o traballo dos seus conselleiros, que "foron duros pero gratificantes" e que "aínda queda moito por facer".

Un exercicio de autocrítica que fixo extensivo tamén ao accionariado e á propia cidade. "O Pontevedra non ten cidade deportiva porque en Pontevedra non hai ilusión por nada", recriminou no que, matizou, "é unha crítica cara a nós". "Ou imos todos unidos ou o Pontevedra non ten futuro", sentenciou antes de dar a voz aos accionistas nunha longa quenda de rogos e preguntas no que Murillo aceptou queixas pola política de comunicación do club, polos profundos cambios no equipo tempada tras tempada, por fallar na elección dos adestradores ou mesmo por insistir no seu obxectivo de levar ao Pontevedra de volta ao fútbol profesional. 

Neste intercambio de reproches e impresións, houbo tamén lugar para un dos membros máis críticos do consello de adminitración. Jose Luís Uhía, máis coñecido no mundo do fútbol galego como Pisces, respondeu a unha accionista que lle preguntaba se coñecía o significado de ser conselleiro e sobre o seu labor ao longo do último ano no cargo en favor da sociedade. 

"Estou aquí para que o club sexa mellor, porque pode selo", dixo despois de declarar o seu amor incondicional pola entidade de Pasarón. Asegurou tamén que nos últimos meses chamou a moitas portas para "pedir diñeiro polo Pontevedra" pero que o que recibiu foron portadas, resolveu.