A derrota do Pontevedra fronte ao Atlético de Madrid B en Pasarón, no que supuxo a novena xornada dos granates sen coñecer a vitoria, tivo un desagradable epílogo na posterior rolda de prensa que habitualmente protagonizan os adestradores dos equipos.
Alí, tras a comparecencia do técnico visitante, apareceu un Luisito hosco, con claro xesto desafiante incluso, que aproveitou a primeira (e única) pregunta que se lle puido facer para arremeter contra todo e contra todos, nunha tan suposta como vehemente, innecesaria e fóra de lugar defensa da presidenta Lupe Murillo.
Así, tras afirmar que o seu equipo tivo máis ocasións que o Atlético de Madrid e que non mereceran perder, pasou a facerse eco dunhas voces que durante o partido desde un sector absolutamente minoritario da bancada gritaron "Lupe, vete ya", dicindo: "Hai que ter unhas pelotas moi grandes, e hai que ser uns puñeteros desgraciados para cantar Lupe, vete ya. Hai que ter huevos, que se non é por esa señora, aquí non estabades ningún, estabades todos na casa e esto derrumbado".
Xa en pleno arrebato e cos papeis absolutamente perdidos, Luisito seguiu golpeando co seu puño a mesa e endurecendo o ton aínda máis: "Que se cante Lupe, vete ya, por toda a merda que hai por detrás de este club, hai que ser sinvergüenzas...unha muller e unha familia que hipoteca o seu patrimonio para salvar ao Pontevedra e que lle digan eso hai que telos ben postos".
Non conforme con iso, o técnico de Teo seguiu co seu visceral e cada vez máis airado monólogo, vertendo mesmo graves acusacións, aínda que sen citar a persoa algunha: "Por qué non decides a verdade de que aquí roubaron máis cartos que dios. É moi fácil despois decir que Luisito é un maleducado, claro, evidentemente son un maleducado...Si esto pasa en outro club, xente que enganou ao club con contratos que non existían, vanse de rositas e nadie lle dí nada".
"Esto non se fai, joder, -seguiu Luisito- unha tía que pon 700.000 euros, que tuvo que ir a Facenda a poñer pasta do seu bolsillo, e ninguén a defende, tenna que defender un pobre cristo de adestrador que esta aquí de paso".
A rolda de prensa terminou con Luisito desexando felices festas e con Lupe Murillo, que asistía á mesma desde a última fila, dando por finalizada a comparecencia do técnico sen permitir que se fixesen preguntas ou pedisen aclaracións.
Podes escoitar o audio completo da rolda de prensa ao pé desta información.