A Illa das Esculturas celebrou este sábado un auténtico espectáculo do ciclocrós co Gran Premio Cidade de Pontevedra de categoría C1 UCI puntuable para a Copa de España.
A carreira comezou desde primeira hora da mañá coa proba júnior masculina. Desde os primeiros metros impuxeron o seu ritmo os corredores italianos, formándose un grupo duns doce ciclistas que comezou a romper superado o ecuador da carreira. Os transalpinos colocáronse nos postos de podio para afrontar unha última volta na que o campión Samuele Scappini foi o máis forte, levando o triunfo por diante do seu compatriota Tommaso Cafueri e do francés Fantin Gloux. Carlos Gámez logrou manter o liderado da Copa de España tras finalizar sétimo.
Ás 10:15 horas chegou a quenda das júnior, que viviron unha emocionante carreira protagonizada polas italianas Federica Venturelli e Valentina Corvi, que marcaron o ritmo desde o inicio. Moi ben colocadas María Filgueiras e Uxía Soto (Supermercados Froiz) aguantaron o ritmo na cabeza, aínda que peor sorte tivo a súa compañeira Aroa Otero, que tras unha caída rodou por detrás. Soto tentouno, aínda que foi neutralizada xa na volta final, quedando eliminada Corvi por problemas mecánicos. Xa na recta final, Venturelli non deu opción a María Filgueiras, que finalizou segunda mentres que Uxía Soto acusou o esforzo e non puido disputar o triunfo quedando terceira. Aroa Otero foi cuarta e mantén o liderado da Copa de España.
Despois chegou a quenda da proba elite e sub23 feminina con todas as miradas postas na campioa de España e líder da Copa, Lucía González, que non defraudou. Desde a primeira volta marcou o ritmo escapándose xunto á súa compañeira Sofía Rodríguez. Rodaron xuntas toda a proba pero na meta Lucía González non deu opción á valenciana e logrou o seu segundo triunfo desta Copa de España. Tercera foi Laura Verdonschot, mentres que nas sub23 gañou Claudia Borello, segunda foi Julie Brouwers e terceira Asia Zontone.
Case enlazando coa cerimonia do podio feminino, deu comezo a proba masculina con grandes nomes internacionais. A carreira arrincou moi rápida cun grupo de favoritos en primeira posición, do que se descolgou o gañador do ano pasado, Kevin Suárez, debido a unha rotura do cambio. Marcou un duro ritmo na cabeza Ryan Kamp, que rompeu o grupo e escapou en solitario en busca da vitoria, seguido por Felipe Orts, que mantivo a vantaxe xunto a Luke Verburg, que liderou en todo momento a proba sub-23. Kevin Suárez, pola súa banda, protagonizou unha auténtica remontada tras a súa avaría e finalizou cuarto.