A Vuelta regresará ás Rías Baixas no 2014. Así se desprende das palabras do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán. Cauto, debido a que a edición actual aínda está celebrándose, afirmou que é "probable" que a principal proba ciclista que se celebra no noso país regrese por cuarto ano consecutivo á provincia de Pontevedra. Iso si, polo momento, de etapas e trazados nin palabra.
Louzán apuntou que Unipublic, a empresa organizadora da Vuelta, "está xa pensando en posibles trazados para 2014", pero sinalou que "é pronto para poder avanzar algo". En todo caso, afirmou que os responsables da proba "están moi contentos" coas Rías Baixas. Especialmente polo apoio do público nas etapas celebradas este ano e o "esforzo maior" que supuxo "ofrecer durante tres anos un produto diferente".
O presidente da Deputación, que destacou a "orixinal" posta en escena da saída da Vuelta a España desde a batea de Vilanova, quixo agradecer tamén o traballo realizado polos concellos polos que pasou a proba. Todos eles contribuíron, dixo, a proxectar unha "imaxe inmellorable" das Rías Baixas e de Galicia.
Neste sentido, Rafael Louzán cifrou nuns 500.000 euros o investimento directo que, por contrato, realizou a Deputación de Pontevedra para contar coa presenza da Vuelta nas Rías Baixas. A esa cantidade habería que sumar as "acción puntuais" realizadas polo organismo Turismo Rías Baixas e que segundo o presidente provincial "aínda non están cuantificadas".
En todo caso, Louzán reiterou que o "importante" é o retorno económico que tivo a proba en toda a provincia de Pontevedra e que a Deputación cifra en 2,6 millóns de euros. "A inmensa maioría dos pontevedreses, salvo un (en clara referencia ao alcalde de Vigo, Abel Caballero), sabe que a promoción das Rías Baixas é indiscutible", afirmou. "Oxalá houbera moitos eventos como este".