Arosa, Compostela, Barco e Ourense CF velan armas para o play-off de ascenso a Segunda B que comezará a fin de semana no Estadio Municipal de Balaídos, na cidade de Vigo.
Representantes dos catro equipos participantes, ademais da Real Federación Galega de Fútbol e do Celta de Vigo foron protagonistas este mércores coa presentación oficial da fase final, na que estará en xogo unha praza na categoría de bronce do fútbol nacional.
Todo está preparado xa para a celebración das semifinais entre Arosa e Ourense CF por unha banda (domingo, 19.30 horas) e Compostela e Barco polo outro, uns duelos que se disputarán a porta pechada pero coa presenza das cámaras da Televisión de Galicia. Con todo, na presentación deixouse aberta a posibilidade a que a gran final do 25 de xullo se dispute con público nas bancadas, dada a gran capacidade dun escenario de Primeira División como Balaídos. "Veremos de aquí á final o que podemos facer", sinalou o presidente da federación autonómica, Rafael Louzán, disposto a explorar esta posibilidade ao longo da próxima semana. Mentres tanto, o dirixente do balompé galego reiterou que "nesta situación tan excepcional a prioridade é a saúde".
O bo ambiente entre os participantes centrou unha xornada de presentación á que acudiron polo Arosa o seu presidente, Manolo Abalo, o adestrador Rafa Saéz e o capitán do primeiro plantel arlequinado, Julio Rey, do mesmo xeito que presidentes, adestradores e capitáns dos outros tres contendentes.
"As sensacións non pode ser mellores, se algo estamos xestionando no Arosa é a ilusión. A cidade está que ferve de ilusión, levamos 27 anos sen xogar unha fase de ascenso a Segunda División B", recoñeceu o técnico arosista.
Manolo Abalo pola súa banda sinalou que "a un partido calquera pode gañar, vai a depender un pouco da sorte porque por calidade de xogadores estamos todos un pouco igual".
Por último no Arosa, Julio Rey quixo destacar que "a afección vai estar apoiando desde a casa e nós imos a dalo todo por ascender".
Despois do acto os asistentes desprazáronse ata o restaurante do Museo do Mar de Vigo onde tivo lugar unha comida oficial de confraternización, na que estaba previsto tamén ultimar os detalles organizativos pendentes, especialmente os relacionados cos protocolos sanitarios que se seguirán durante a fase de ascenso.