Cara e cruz para o XSM de Marín no desenlace da Copa de España de Ciclocrós, cunha dobre proba a fin de semana en Xàtiva e Valencia que poñían fin ao certame nacional.
A cara foi a da junior Lorena Patiño, que xa o sábado en Xàtiva certificaba matematicamente o campionato ao impoñerse na súa categoría chegando en solitario a meta con 11 segundos de vantaxe por diante da tamén galega Aroa Otero (Froiz).
O resultado foi idéntico ao do domingo en Valencia, certificando o pleno de oito triunfos en oito carreiras para Patiño.
A cruz chegou na proba reina feminina, a categoría elite, onde Irene Trabazo chegaba como líder da Copa. A marinense sufriu o sábado para manterse no primeiro posto, ao chegar novena á liña de meta, pero viu como a súa vantaxe reducíase a só 5 puntos sobre Lucía González e 12 sobre Sofía Rodríguez.
Con esa escasa marxe Trabazo pelexou para manter as súas opcións en Valencia, pero a dúas voltas do final perdeu o contacto co grupo de cinco unidades que se xogou a vitoria, ante os ataques das súas máximas rivais. Ao final a carreira foi para Sofía Rodríguez e o título para Lucía González, con Irene Trabazo asinando un sétimo lugar que lle fixo caer ao terceiro posto na xeral final, a só 6 puntos da camisola de campioa.
O desenlace da Copa de España deixou ademais unha grata noticia para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, ao conseguir o seu corredor Gonzalo Inguanzo ser o vencedor final na categoría elite masculina.