O 'Hai que Roelo' perdeu a un dos seus símbolos e máximas referencias, ao seu eterno capitán. Eduardo Dapena Lis, coñecido popularmente como 'Cholo', faleceu este domingo aos 88 anos de idade, segundo confirmaron a PontevedraViva os seus familiares.
Cholo foi unha das caras máis reconocibles dos mellores anos do club granate, no que xogou 12 tempadas incluídas as seis históricas campañas en Primeira División na década dos 60.
Ademais, desde 2011, o gran capitán era presidente de honra da entidade, distinción que se lle outorgou coincidindo co 70 aniversario do Pontevedra.
Como xogador Cholo defendeu a elástica granate en 300 partidos de liga desde a súa chegada co equipo aínda na Terceira División, 128 deles na máxima categoría.
Este pontevedrés nado en Lourizán pero veciño de San Roque durante a maior parte da súa vida, foi todo un exemplo tanto dentro como fóra do campo, compaxinando o seu papel como deportista de elite coa profesión de condutor do trolebús que conectaba a Boa Vila con Marín.
Durante a última década permaneceu apartado da vida pública debido a unha longa convalecencia.