Loito no fútbol pontevedrés polo falecemento de Manolo Barreiro

Pontevedra
15 de marzo 2025
Actualizado: 15:29

O que foi delegado pontevedrés da Real Federación Galega de Fútbol faleceu na madrugada deste sábado a un mes de cumprir 100 anos, deixando orfo a todo o fútbol galego

Homenaxe a Manolo Barreiro nos campos da Xunqueira
Homenaxe a Manolo Barreiro nos campos da Xunqueira / Cristina Saiz

O fútbol pontevedrés chora a perda de Manolo Barreiro Lores (Pontevedra, 1925).

O que foi delegado pontevedrés da Real Federación Galega de Fútbol até a súa retirada en 2011, faleceu na madrugada deste sábado 15 de marzo, a tan só un mes de cumprir 100 anos.

Durante máis de 57 anos, Barreiro traballou de maneira altruísta na promoción da actividade física e o deporte.

Fíxoo primeiro como secretario da delegación pontevedresa da Real Federación Galega de Fútbol e despois como delegado até a súa renuncia no ano 2011 cando contaba con 86 anos.

O seu labor fomentando o deporte do balompé entre os máis novos foi recoñecida bautizando co seu nome o complexo deportivo municipal da Xunqueira.

A Federación Galega de Fútbol e o Pontevedra Club de Fútbol, entidades ás que Barreiro dedicou gran parte da súa vida, expresaron o seu profundo pesar pola perda desta figura crave do deporte pontevedrés.

"Enorme tristeza a que sentimos logo de coñecer do falecemento de Manolo Barreiro, un compañeiro e un federativo para sempre que estaba a días de cumprir os 100 anos. O legado de Barreiro non fútbol permanerá sempre vivo", sinalou a Federación a través das súas redes sociais.

Na súa memoria, gardarase un minuto de silencio en todos os partidos de fútbol e fútbol sala da delegación de Pontevedra desta xornada.

Pola súa banda, o Pontevedra Club de Fútbol, do que Barreiro era socio número 2, expresou a súa dor cunha emotiva mensaxe: "Loitamos xuntos toda a vida, Manolo. Hoxe tócanos despedirte, pero o teu legado e amor polo Pontevedra CF quedarán para sempre. Dende o club, queremos mandarlles todo o noso agarimo á familia e amigos do noso socio número 2. Descansa en paz, Manolo".

A figura de Manolo Barreiro permanecerá para sempre na memoria do deporte pontevedrés como un exemplo de dedicación, paixón e amor polo fútbol.

A familia informou de que a despedida a Manolo Barreiro, que será incinerado en intimidade, celebrarase este domingo, á unha do mediodía, no salón de actos do Tanatorio Pontevedra, en San Amaro.