O Tenis de Mesa Monte Porreiro segue a desbloquear pantallas, coma se dun vídeoxogo se tratase.
Ata Alcobendas desprazouse a fin de semana unha representación do club pontevedrés para participar nun torneo considerado como o máis complexo a nivel nacional da tempada, o Top-10 Estatal que reúne a unha pequena selección dos mellores xogadores e xogadoras de cada categoría.
Por primeira vez, o Monte Porreiro celebrou unha medalla nese Top-10, e fíxoo ademais cun ouro.
Conseguiuno a infantil Jiaqi Guo ao vencer na final por 3-1 a Teresa Carrasco. Antes en semifinais tiña superado á catalá María Janny Molina.
Ademais a benxamín India Franco quedou preto das medallas ao perder 3-2 en cuartos ante a andaluza Fátima Burgos.
Pola súa banda Matías Bentancor, en infantil masculino, estivo preto estivo de vencer o que finalmente foi campión, o catalán Tianxiang Zou, do mesmo xeito que Mariña García en categoría xuvenil.
Sira Fernández completou a representación do Monte Porreiro en Alcobendas competindo na categoría benxamín.
"Dar tan bo nivel no torneo máis difícil e complicado da tempada demóstranos que estamos no camiño correcto", afirmou o club pontevedrés tras a competición.