O fútbol non para por Semana Santa para un Pontevedra que este xoves (17:00 horas) recibe ao Rápido de Bouzas no Estadio Municipal de Pasarón coa intención de consolidarse nos postos de play-off de ascenso.
Os granates buscan a súa quinta vitoria consecutiva ante un equipo que chega coa auga ao pescozo, en postos de descenso, pero en liña ascendente. "Tiene mucho mérito, seguramente muchos lo daban por muerto y se han rehecho", asegura Luismi. Ademais presentaranse na Boa Vila tras vencer nas súas dúas últimas saídas, ante Sanse e Unión Adarve.
"Me espero un partido duro, difícil, en el que vamos a tener que estar en un nivel de concentración máximo", inciden o técnico.
O Pontevedra chega á cita nun gran momento e tras pisar por primeira vez na tempada postos de fase de ascenso. Con todo "lo difícil ahora es mantenerse" nas últimas cinco xornadas, avisa o adestrador pontevedrés.
As boas noticias para Luismi son que poderá contar con todo o plantel á súa disposición para o choque, unha vez recuperado Álex González dos seus problemas musculares. O que non estará sobre o terreo de xogo é Mouriño, cedido no Rápido ata final de tempada e que ademais de por contrato arrastra un partido de sanción.
O club fixou o prezo das entradas en 20 euros na bancada de Tribuna, 12 euros en Preferencia e 10 euros nos fondos, mentres que o colexiado do duelo será o cántabro Alberto Fuente Martín.