O ano 2022 termina para o granate Libasse Gueye da mellor maneira posible. O extremo senegalés foi o heroe na vitoria do Pontevedra sobre o Tenerife na segunda rolda da Copa do Rey e, só uns días despois, acaba de ser elixido como mellor xogador sub 23 do seu país.
O atacante de 19 anos chegado este verán a Pasarón foi elixido pola federación do seu país como un dos catro xogadores máis prometedores. A través de redes sociais, lanzaron unha enquisa para que os fans elixisen o seu favorito. Libasse competía con xogadores contrastados e con experiencia en ligas moi duras a pesar da súa xuventude.
Libasse Guéye, mellor xogador senegalés sub-23 do ano 2022
— Pontevedra CF (@PontevedraCFSAD) December 28, 2022
Parabéns @LibasseGueye09https://t.co/HrlKTX63tB
Iliman N`Diaye, mediocentro ofensivo de 22 anos que acaba de disputar tres partidos no recentemente finalizado mundial de Qatar, era o seu principal rival. Ademais, é unha das principais figuras do Sheffield United da segunda división inglesa, na que acumula 24 partidos xogados con 9 goles anotados.
Máis experiencia na elite acumula o lateral do Mónaco Ismail Jakobs. Titular nos últimos partidos do mundial coa selección absoluta, o defensor foi traspasado este verán ao conxunto francés por 6,5 millóns de euros desde o Colonia e acumula xa minutos en competicións europeas.
O menos coñecido no vello continente é Bacary Sané, prometedor central que aínda segue xogando no Diambars da liga senegalesa, club no que se fomró o extremo do Pontevedra.
Na votación, que acumulou preto de 900 votos, Libasse Gueye conseguiu o 52,2 % dos votos, seguido do N`Diaye, co 26,9 %; mentres que Jakobs e Sandei quedaron no 10,6 % e 10,3 % respectivamente.
Un resultado que reflicte as grandes esperanzas que ten a afección senegalesa no futuro de Libasse Gueye, sinalado nalgunha ocasión como o novo Sadio Manei.