Unha semana despois de caer lesionado na Copa do Rei, o Pontevedra Club de Fútbol segue á espera dun diagnóstico definitivo sobre a lesión que sufriu Chiqui contra o Mallorca, e que lle obrigou a pedir o cambio.
O extremo granate foi sometido durante a semana a varias probas, incluída unha resonancia magnética, para coñecer o alcance exacto da doenza e poder estabecer uns prazos máis concretos para a súa recuperación.
A esta situación referiuse este venres, a preguntas dos medios de comunicación, Yago Iglesias.
Tendo en conta que se trata dunha lesión muscular, o técnico recoñece que "ao final unha lesión leve estamos a falar de 10 días, e unha lesión grave estariamos a falar de máis de 6 semanas".
En todo caso "todo apunta a que non é algo grave, pero imos ser cautos", explicou.
Mentres o informe non chega, Chiqui "está a facer traballo de recuperación. Hoxe, por exemplo, fixo trote e é algo que nos fai ser optimistas", afirmou Iglesias consciente, iso si, de que perderá o xogador no mellor dos casos para un par de semanas.
JESÚS CAMBIL, OPERADO CON ÉXITO
O Pontevedra Club de Fútbol informou ademais da operación á que foi sometido Jesús Cambil tras a rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo.
O centrocampista foi intervido o pasado día 7 de xaneiro e este xoves recibiu a alta hospitalaria iniciando así unha fase de recuperación que será agora de entre seis e oito meses pensando xa na próxima tempada deportiva.