Primeira xornada de José Luís Lemos como novo adestrador do Arosa.
O técnico dirixiu por primeira vez unha sesión do primeiro plantel arlequinado antes de ser presentado oficialmente no estadio da Lomba.
Unha aposta arriscada do club de Vilagarcía pero coa mesma ambición que demostrou o seu novo adestrador, que xa fala de que "o acordo é só até final de tempada. Para 14 partidos, eu son optimista", explicou aludindo a un número de partidos que incluirían os dunha hipotética fase de ascenso a Segunda RFEF que agora mesmo está a dous puntos de distancia.
"Asumo este reto que a nivel persoal e como adestrador me resulta moi atractivo", asegurou o experimentado preparador "encantadísimo de vir aquí porque é a afección que é e sei como se vive o fútbol aquí".
Lemos asegurou que o acordo para a súa contratación foi sinxelo, aínda que se prolongou máis do desexado para encaixalo coa súa vida laboral fóra dos terreos de xogo.
En canto ao que agora vén por diante, xa mira cara ao duelo de rivalidade comarcal contra o Villalonga co que se estreará o vindeiro domingo 30 de marzo na Lomba.
"Para chegar o máis lonxe posible primeiro hai que dar o primeiro paso, que é este domingo. Despois haberá outro paso no domingo seguinte en Boiro e se os pasos son bos, gañaremos que cando acabe a liga teñamos que seguir competindo".
O novo adestrador arosista ve boas vimbias nun plantel "de calidade, de moi bos futbolistas para a categoría, só que iso ás veces non chega, pero ten vimbias suficientes para facer mellor as cousas ou que saian mellor as cousas", explicou.
Por diante quédalle traballo aínda que, analiza, "está claro que se este equipo deixa a portaría a cero, encaixa moitos menos goles, ten potencial para facer dano aos rivais a nivel ofensivo e vai estar moito máis preto de gañar os partidos. Pero, ás veces, non só é cuestión de defender, senón de atacar mellor, de vixiar mellor, de estar máis concentrados, de ser máis agresivos. De moitos aspectos que hai que tentar tocar en pouco tempo".
Lemos estivo acompañado na presentación polo presidente e o director deportivo do Arosa, que agradeceron o labor de "un home da casa" como Perú "que o deu todo e que nos fixo un favor enorme", e co que esperan seguir contando no futuro.