O equipo pontevedrés Ponte1Reto inicia este fin de semana unha nova tempada participando na Club La Santa 4 Stage Mountain Bike Race de Lanzarote.
Tres deportistas do club desprazáronse á illa para afrontar esta dura proba de Mountain Bike de catro etapas que se disputa polos terreos volcánicos da illa, co obxectivo de de empezar a rodar en competición esta tempada.
Os tres aventureiros son Pablo Fernández, Manuel Caramés 'Fallolli' e Paco Martínez, coa asistencia mecánica de Sergio Casal.
A primeira das etapas, prevista para o sábado, conta con 39 quilómetros de percorrido e 600 metros de desnivel, na que a dificultade residirán no vento e a area. Para o domingo a etapa será de 52 quilómetros polos carreiros do Timanfaya, con 800 metros de desnivel. Pola súa banda o terceiro día de competición será de loita contra o crono, cunha cronoescalada de 21 quilómetros á Ermita de las Nieves. Por último, a cuarta xornada contará con 87 quilómetros de percorrido polo sur de Lanzarote e 1.500 metros de desnivel positivo na etapa máis dura da carreira.
Esta tempada, os desafíos de Ponte1Reto teñen como meta solidaria a adquisición dunha bicicleta adaptada para a asociación Amencer-Aspace.