O Estadio Municipal de Pasarón apunta unha vez máis ao cheo para vivir o histórico cruzamento de oitavos de final da Copa do Rei fronte ao Getafe.
Tras uns días de venda restrinxida só a abonados do Pontevedra, cuxo acceso ao partido está incluído no seu carné, e aberta ao resto de seguidores desde o pasado sábado día 11, a semana arrinca con apenas 700 localidades dispoñibles á venda dun aforamento total de 10.500.
A febre por conseguir unha localidade esgotou o papel nos dous fondos do estadio e practicamente en Preferencia (quedaban apenas 10 entradas á venda ao comezo da xornada deste luns).
Desta forma a única maneira de sumarse ao Pontevedra-Getafe de Copa do Rei é optar pola bancada de Tribuna, con localidades a 45 euros.
Unhas cifras que, dependendo da asistencia de abonados, apuntan a superar os 10.292 espectadores que se rexistraron no encontro copeiro contra o Mallorca, e que deixaron en despacho de billetes unha recadación estimada superior aos 200.000 euros.
Un plus económico máis que interesante para un Pontevedra que non renuncia a nada, e que soña con eliminar por terceira vez nesta edición da Copa do rei a un equipo da máxima categoría.
Para lograr a xesta o equipo terá do seu parte a unha bancada de Pasarón totalmente entregada á causa.
A eliminatoria de Copa do Rei disputarase este próximo mércores 15 de xaneiro a partir das 19.30 horas.