Agora si. Comeza a conta atrás para a 68 edición da Vuelta Ciclista a España. A illa da Toxa (O Grove) foi o escenario privilexiado da presentación oficial da proba. Un acto conducido polo xornalista de TVE, Carlos de Andrés, e o exciclista profesional Pedro Delgado, que foron presentando un a un aos 22 equipos, empezando polo holandés Argos e acabando polo Movistar de Alejandro Valverde, segundo clasificado na edición pasada.
Pero non foi o Movistar, nin o Astana Prol Team de Vicenzo Nibali ou o Katusha de Purito Rodríguez, os equipos dos máximos favoritos ao triunfo final, o que recibiu o aplauso máis caluroso. A maior ovación foi para os ciclistas do Euskaltel Euskadi, equipo que anunciou fai uns días a súa desaparición ao término da actual tempada. O público quixo recoñecer así a profesionalidade e entrega desta formación durante toda a súa historia.
Durante a súa intervención, o director da Vuelta, Javier Guillén, afirmou que a proba "ya es algo más que un evento deportivo, es un evento social y este año hemos querido homenajear a la gente del mar y al sector del mejillón". Neste sentido, destacou que iniciar a carreira desde unha batea de mexillóns é un reto "difícil e ilusionante" pero ao mesmo mostrouse convencido de que o van "a sacar adelante".
A presentación, á que acudiron entre outras autoridades, a ministra de Fomento, Ana Pastor, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ou o ministro de Turismo e Medio Ambiente de Andorra, Francesc Camp, finalizou coa actuación do músico Carlos Núñez que, acompañado pola Banda de Gaitas da Deputación de Pontevedra, interpretou dous temas, un deles a canción Mambo, sintonía oficial da Vuelta 2013.
PRIMEIRA ETAPA: VILANOVA DE AROUSA - SANXENXO
Tras esta presentación oficial chegou a hora da verdade. La Vuelta empeza a rodar e o espectáculo non parará ata chegar a Madrid o próximo 15 de setembro. Un percorrido emocionante e esixente, con ata once finais no alto, do que se espera sexa o escenario dunha loita constante e sen tregua entre os grandes aspirantes ao triunfo, Alejandro Valverde, Purito Rodríguez e o italiano Vincenzo Nibali.
Un dos 198 ciclistas que participarán na Vuelta se enfundará o 'maillot' vermello logo dos 3.358,9 quilómetros que percorrerán nesta 68 edición da proba. Os primeiros, serán os 27,4 quilómetros desde Vilanova de Arousa ata Sanxenxo. Será a primeira etapa, unha inédita contrarreloxo por equipos que, como xa se coñecía, terá a particularidade de que os corredores sairán desde unha batea.
A batea mexilloeira está ancorada e reforzouse a súa estrutura, a fin de que soporte as planchas de metacrilato coas que será cuberta para convertela nunha plataforma. Varias embarcacións farán viaxes para transportar aos ciclistas desde un peirao próximo. Os equipos intentarán non perder moito tempo para non verse afectados na xeral, aínda que a etapa non será sinxela, xa que se alcanzarán velocidades importantes nalgúns tramos.
A primeira formación en saír será o Team Netapp-Endura, ás 18.48 horas. Os dous últimos serán o Movistar de Alejandro Valverde, que pola ausencia do gñador da pasada edición, Alberto Contador, portará o dorsal número uno, que sairá a competir ás 20.08 horas; e o Astana Prol Team de Vicenzo Nibali, a partir das 20.12 horas. Está previsto que este último equipo chegue a Sanxenxo sobre as 20.40 horas.