As malas previsións meteorolóxicas obrigaron a tomar a decisión de aprazar La Road Pontevedra Clásica Evaristo Portela que se ía a celebrar o vindeiro domingo 6 de outubro.
"Como comprenderedes, esta é unha decisión difícil que implica un grave trastorno para esta organización, pero as previsións meteorolóxicas para este domingo non son boas. Realmente, sabemos que estamos en Galicia e a choiva é algo co que os eventos debemos convivir. Pero as previsións non son só de choiva, senón de vento e tormentas", xustifican desde a organización.
"Non sabemos se chegado o domingo será así ou non, pero entendemos que decisións como estas, hai que tomalas coa maior antelación que se poida, para afectar o menos posible aos participantes", afirmaron nun comunicado compartido nas redes sociais oficiais do evento.
A marcha cicloturista, cun percorrido de 102 quilómetros e ata 1.850 metros de desnivel acumulado positivo, fixou o día 10 de novembro como nova data para a súa celebración.