La Palma, escenario do primeiro asalto polo ascenso

Pontevedra
23 de maio 2015

Á hora do partido entre o Mensajero e o conxunto granate (13:00 horas galega) no Silvestre Carrillo espérase un día despexado, con forte vento (frecuente nesta zona), e non máis de 22 graos. O Pontevedra adestrou a última hora da tarde no escenario do choque

O Pontevedra adestrando no Silvestre Carrillo antes do partido contra o Mensajero
O Pontevedra adestrando no Silvestre Carrillo antes do partido contra o Mensajero / PontevedraViva

A illa de La Palma recibiu ao Pontevedra con algunhas nubes no ceo e agradable temperatura, uns 22 graos. Para este domingo, as condicións serán similares, aínda que sen nubes, e á hora do partido entre o Mensajero e o conxunto granate (13:00 horas galega) no Silvestre Carrillo espérase un día despexado, con forte vento (frecuente nesta zona), e non máis deses 22 graos, o cal é un alivio para os pontevedreses.

Precisamente o vento, que sopra a refachos con enorme forza, como consecuencia dos alisios que entraron na zona, segundo nos indican fontes da directiva canaria, foi a sorpresa desagradable e a maior preocupación coa que se encontrou o Pontevedra.

O ambiente na "Isla Bonita" é menor do que se esperaba, segundo comentan as mesmas fontes do club palmero, lixeiramente decepcionados porque non están a encontrar a resposta popular que desexaban. Mesmo cifran as seus espectativas sobre o número de espectadores en pouco máis de 1.000 para o partido.

Da dirección arbitral encargarase o colexiado Jerónimo Montes García (Madrid).

Entre as moitas curiosidades e anécdotas que unen a ambos os dous equipos figuran tamén dous exxogadores galegos que vestiron as dúas camisetas, coa coincidencia de que ambos os dous ocupaban o mesmo posto de defensa central. Trátase de Modesto Pillado e Juan Casales, aos que nesta illa se recorda con moito cariño.

Despois dun longo e canso viaxe, os de Luisito desprazáronse ata o escenario do partido. Tratábase de coñecer o campo e estirar músculos. O Pontevedra anunciara un adestramento entre as 19 e as 20 horas, que foi simplemente unha toma de contacto co ámbito e cun campo completamente remodelado, construído sobre o que acollera o partido entre ambos os dous clubs hai 31 anos.

Sen novidade entre os expedicionarios, o bo ambiente uniuse a un moderado optimismo. As conversacións xiraban arredor das dificultades que saben van a encontrar nun rival moi forte na casa, pero tamén nos números que avalan a un Pontevedra que esta tempada non coñece a derrota nos escenarios de herba sintética como o que se encontrarán nesta ocasión.

O técnico non desvelou as súas cartas. Aínda que pola lista de convocados se pode intuír o once inicial, Luisito gárdao celosamente para non dar máis pistas das imprescindibles ao rival. Iso si, os que saian saben que van ter que poñer toda a intensidade e concentración ao longo dos 90 minutos, pois as referencias que hai sobre o Mensajero apuntan a un equipo que non dá tregua.

Ata o adestramento, ademais dun pequeno número de afeccionados, con algúns galegos incluídos, achegouse o que fora presidente do equipo local hai 31 anos, naquela histórica eliminatoria entre ambos os dous equipos. José Luis Ramos non quixo deixar pasar a oportunidade de saudar aos granates, preguntando polas persoas que coñeceu entón. Ao dicirlle que da expedición unicamente repetía quen isto escribe, ademais do exdirectivo Ramón Fernández, que presenciaba o adestramento cos doutores Bartolomé Beltrán e Diego Murillo aproveitou para mandalos a través de PontevedraViva a todos os que aquí estiveron os seus máis afectuosos saúdos, á vez que agradeceu a mención que este medio fixo da súa persoa no artigo do pasado xoves.