'Kirk' non detén o M15 Pontevedra Internacional Open

Pontevedra
09 de outubro 2024

A primeira edición do torneo de tenis masculino avanza a pesar da choiva nas pistas interiores do Club de Tenis Pontevedra, aínda que a primeira xornada do cadro individual tivo que atrasar moitos dos seus partidos

Primeiro torneo M15 Pontevedra International Open de Tenis
Primeiro torneo M15 Pontevedra International Open de Tenis / Club de Tenis Pontevedra

A choiva e as malas condicións climatolóxicas están a marcar a estrea do torneo M15 Pontevedra International Open de Tenis, competición do circuíto profesional masculino.

Con todo nin a borrasca 'Kirk' consegue deter a actividade no Club de Tenis Pontevedra, que este martes tivo que aprazar varios encontros na primeira xornada do cadro final individual pero que puido seguir adiante cambiando as pistas exteriores de superficie dura polas cubertas de terra batida coas que conta a entidade deportiva pontevedresa na Caeira.

Pola mañá tentouse competir no exterior aproveitando varios momentos de calma, pero finalmente as precipitacións obrigaron a interromper os partidos.

Pola súa banda na zona cuberta avanzaron os cruzamentos de dobres, con varios duelos destacados. Levantou gran expectación de feito o encontro do local Iago Domínguez facendo parella co grego Pavlos Tsitsipas, irmán menor dunha das grandes raquetas do ATP, aínda que non puideron vencer a Yaroslav Demin e Ilyan Radulov.

Tamén competiu un histórico do tenis nacional como David Marrero, ex número 5 mundial en dobres, facendo parella co seu pupilo Iñaki Montes. Medíanse aos principais favoritos do torneo, os británicos Emile Hudd e Mark Whitehouse que se impuxeron por 6-1 e 7-5.

A xornada pechouse ademais cun triunfo galego, o de Rafa Izquierdo que xunto a Iván Marrero superou os locais Martín Rodríguez e Juan Dueñas.

A primeira edición do Pontevedra International Open seguirá avanzando nos próximos días até a final prevista para o vindeiro domingo 13 de outubro.