Kevin Suárez e Laura Verdonscht impóñense no Gran Premio Cidade de Pontevedra de Ciclocrós

Pontevedra
07 de outubro 2023

En canto aos equipos galegos, Gonzalo Inguanzo (Froiz) foi cuarto na carreira elite masculina, Miguel Rodríguez (Froiz) impúxose na sub-23 masculina, Laura Mira (Farto) logrou o bronce na sub-23 feminina, mentres que na júnior feminina Lorena Patiño (XSM) e Aroa Otero (Froiz) fixéronse cos dous primeiros postos. Marta Estévez (XSM) foi cuarta

Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclocrós 2023
Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclocrós 2023 /

A Boa Vila volveu a celebrar unha auténtica festa de ciclocrós coa disputa do Gran Premio Cidade de Pontevedra, segunda proba puntuable da tempada na Copa de España da especialidade e evento de categoría internacional C1.

A pesar da calor, a cita deportiva congregou desde primeira hora da mañá por centos de afeccionados e mesmo curiosos que pasaban pola Illa das Esculturas e gozaron de todo un espectáculo que contou con 3,4 quilómetros de lonxitude cheos de taboleiros, un caracol, longas rectas e zonas moi técnicas.

Cos deportistas júnior masculinos arrancou o Gran Premio Cidade de Pontevedra, onde se viu unha carreira moi igualada con Hodei Muñoz (Alimco Campagnolo) na cabeza dun grupo de dez deportistas.

Ao chegar á última volta, Unax Galán (Seguros Bilbao Miribilla) e Muñoz marcháronse en solitario, pero foi este último o que, cun sprint, distanciouse do seu opoñente para facerse co triunfo da carreira e ser o novo líder da competición. O podio completárono Galán e David Ivars (Grupeta da Safor).

A segunda proba do día arrincou a partir das 10:15 horas coa carreira júnior feminina, onde as galegas Lorena Patiño (XSM), Aroa Otero (Froiz) e Marta Estévez (XSM) chegaban como grandes favoritas e mantivéronse na cabeza acompañadas por Irati Aranguren (Andoaingo Txirrindulari Eskola). Por detrás delas ía un grupo perseguidor de catro francesas.

Unha vez pasada a última volta a líder da Copa Lorena Patiño tomou o mando acompañada unicamente por Aroa Otero a moi poucos metros, mentres a vasca empezábase a quedar descolgada a 32 segundos da galega. Xa na recta final, Patiño non deu opción á do Froiz, que foi segunda con 12 segundos de diferenza. A francesa Lison Desprez (Vc de Levron Coetmieux) completou o podio e a marinense Marta Estévez foi cuarta.

Despois chegou a quenda da proba elite e sub-23 feminina, dominada por completo por Laura Verdonscht (De Ceuster-Bonache), Sofía Rodríguez (Bizkaia-Durango) e Lucía González (Nesta), que estiveron na cabeza de carreira en todo momento.

No cuarto paso por meta, a do Bizkaia se desolgó da cabeza, onde continuou a bonita loita entre a belga e a doNesta. Con todo, na última volta, Verdonscht non deu opción aos seus opoñentes e logrou o seu segundo triunfo na Copa de España ao impoñerse na liña de meta a Lucía González, que repetiu segundo posto. Sofía Rodríguez foi terceira.

Nas sub-23 a gañadora foi a belga Julie Brouwers (Circus-Re Uz-Technord), segunda foi a francesa Lucie Liboreau (Aaj Blois Cyclisme) e terceira a galega Laura Mira (Farto), que se mantén líder da Copa España da súa categoría.

A xornada matinal pechouna a proba masculina elite e sub-23, marcada polo alto ritmo imposto por Felipe Orts (Burgos BH), que fuxiu cuns metros de vantaxe sobre o belga Thijs Aerts (Circus- Re Uz-Technord) e Gonzalo Inguanzo (Froiz) encabezando o grupo perseguidor.

Orts seguiu rodando moi forte aumentando a súa diferenza en cada volta sobre os seus competidores, pero tras a chegada ao cuarto paso, Kevin Suárez (Nesta) recortou a vantaxe e o belga Jens Dekker (Wsv de Peddelaars) colocouse terceiro ao adiantar a Mario Junquera (Unicaja Gijón).

Coa entrada na última volta chegou o momento da verdade con Suárez superando a Orts en 26 segundos e culminando a súa remontada para lograr así o seu segundo triunfo na Copa de España. Dekker foi terceiro e Gonzalo Inguanzo cuarto.

As alegrías para o Froiz continuaron coa carreira sub-23 coa vitoria de Miguel Rodríguez, que se impuxo con 12 segundos de vantaxe sobre Alain Suárez (Nesta), novo líder da Copa de España da categoría. O podio desta categoría completouno Bailey Groenendaal (Wv Schijndel).

Consulta todos os resultados do Gran Premio Cidade de Pontevedra nesta ligazón