A marinense Katia Calvar e a caldense Lúa Piñeiro realizaron un bo papel o pasado fin de semana no Open Internacional de Holanda de Taekwondo, celebrado en Eindhoven, dentro dun equipo galego no que tamén se encontraba o pontevedrés Borja Ríos.
A proba, de categoría GR-2 e puntuable para o ranking mundial, contou máis de 1.300 deportistas en idade cadete, júnior e sénior, cun alto nivel de participación con varias seleccións nacionais e medallistas internacionais.
Katia realizou un torneo notable na categoría de -62 quilos, gañando á rusa Julia Volkova (3-4) en primeira rolda de xeito axustado e avanzando despois con suficiencia ata os cuartos de final, impoñéndose á checa Libuse Modeva (13-1) e á escocesa Carla Summerhill (14-1). Calvar quedou ás portas de loitar polas medallas tras perder precisamente en cuartos de final ante a croata Marina Sumi (2-0).
O resultado foi idéntico ao de Lúa Piñeiro en -67 quilos, que se despediu tamén na antepenúltima rolda tras perder nun apertado combate ante a turca Nur Tatur (9-7).
Pola súa banda Borja Ríos caeu en segunda rolda en -58 ante o medallista europeo ruso Ruslan Poiseev (2-12) despois de eliminar en primeira rolda ao marroquí Ibrahim Aghbal na morte súbita (3-3).
O equipo da Federación Galega de Taekwondo completárono Juan Fernández, Andrea Rica, Fernando Rascado e Laura Lorenzo.