Julián Ferreiro asina co Villalonga ata final de tempada

Sanxenxo
20 de febreiro 2013

O técnico, que dirixiu a pasada campaña ao Negreira, substitúe a Jacobo Molina no banco de San Pedro con opción a permanecer unha tempada máis se logra o obxectivo da permanencia en Terceira División

Despois dunha xornada de intensas negociacións con varios técnicos, o Villalonga decantouse por Julian Ferreiro para que sexa o encargado de dirixir o equipo ata final de tempada, aínda que dende o club deixan a porta aberta a poder continuar un ano máis se Ferreiro logra o obxectivo da permanencia.

O novo adestrador celeste, a cargo do Negreira as últimas cinco tempadas, substitúe no banco de San Pedro a Jacobo Molina, converténdose no terceiro técnico do Villalonga no presente curso despois do paso polo club de Guillermo Fernández.

O primeiro reto de Julián Ferreiro será romper a xeira de 13 partidos sen gañar do equipo celeste e que lle fixeron caer aos postos de descenso a dous puntos da zona de salvación. A súa primeira oportunidade chegará na casa o próximo domingo ante o Somozas.