Aínda faltan un par de semanas para a cita, que por ter non ten nin horario confirmado, pero tanto Pontevedra Club de Fútbol como Levante UD empezan a mirar cara ao duelo que lles medirá na primeira rolda da Copa do Rei.
Julián Calero, adestrador do equipo levantino, valorou este venres o resultado do sorteo, asegurando que a eliminatoria contra os granates será un reto "complicado".
"Encántame Pontevedra. Fun alí como xogador, como adestrador, como segundo adestrador... Gústame o costume de viaxar a Galicia, é un desprazamento bonito pero é certo que desde Valencia está moi lonxe", afirmou queixándose da viaxe a completar nunha fase da tempada con moitos partidos, pois o Torneo do K.O. chegaralles despois de xogar entre semana en liga contra o Deportivo "e domingo co Granada".
En todo caso e aínda que "non tivemos sorte na distancia", Calero asegura que "me encanta o rival e creo que é un rival que nolo vai a pór difícil. Ir a Pontevedra, o que non coñeza Pasarón, o que non coñeza o estadio ou non coñeza aquilo non sabe que é complicado estea na categoría que estea, e ademais vai haber ambiente de Copa do Rei", valorou.
Como primeiro adestrador o actual técnico do Levante en Segunda División visitou o coliseo granate en dúas ocasións, unha adestrando o Navalcarnero (1-1 na tempada 17-18) e outra á fronte do Rayo Majadahonda (2-1 na 19-20).
En canto á data final do encontro "entendemos que será mércores ou xoves porque logo volvemos xogar o luns contra o Málaga", afirmou o preparador defendendo que tentarán "facer a mellor Copa que se poida".