Juan Saavedra queda ás portas da súa segunda medalla nos Xogos Paralímpicos de París

Pontevedra
05 de setembro 2024

O tirador pontevedrés, que xa conseguira unha medalla de bronce en París, non puido repetir éxito este xoves na súa segunda proba dos Xogos, a carabina libre tendido 50 metros R6, na que rozou os postos de podio

Juan Antonio Saavedra, nos Xogos Paralímpicos de París
Juan Antonio Saavedra, nos Xogos Paralímpicos de París / Comité Paralímpico Español

Ás portas da que tería ssido a súa segunda medalla en París 2024 e o seu cuarto metal paralímpico quedou Juan Antonio Saavedra.

O tirador pontevedrés, que conseguira o bronce o pasado domingo na súa estrea nos Xogos Paralímpicos de París, non puido repetir éxito este xoves na proba de carabina libre tendido 50 metros R6, a pesar de rozar os postos de podio durante toda a competición.

Saavedra clasificouse para a final coa mellor puntuación na rolda previa (626.9 puntos), logrando un dos oito billetes dispoñibles para pelexar polas medallas.

Era a disciplina na que é dobre medallista paralímpico (prata en Londres 2012 e bronce en Tokyo 2020), pero o nivel dos finalistas era tremendamente parello e así se viu desde a rolda inicial da gran final.

Empezou cuarto nesa primeira quenda Juan Saavedra, e aínda que se chegou a aproximar a só unhas décimas do terceiro posto, non logrou seguir escalando posicións quedando a só 1.1 puntos da medalla.

Finalmente o ouro foi para a alemá Natascha Hiltrop, a prata para a sueca Anna Benson e o bronce para o francés Jean-Louis Michaud.