Faltan pouco menos de dous anos para que se disputen os próximos Xogos Olímpicos en Tokyo, Xapón, pero un pontevedrés asegurou xa a súa presenza na cita.
Juan Saavedra gañou a medalla de ouro na Copa do Mundo de Tiro celebrada na localidade francesa de Chateauroux, na que se repartían xa prazas para Tokyo, e converteuse no primeiro deportista español con pasaporte para os Xogos Paralímpicos de 2020.
O tirador pontevedrés poderá afrontar desta maneira a que será a súa quinta cita olímpica, na que tentará repetir o éxito de Londres 2012 cando conseguiu unha medalla de prata.
Saavedra venceu en Chateauroux na modalidade de 50 metros carabina libre tendido R6, ao lograr unha puntuación de 248.1 que lle situou por diante do estadounidense John Joss e do británico Matt Skelhon, prata e bronce respectivamente.
Este resultado outórgalle tranquilidade e o dereito para preparar os Xogos con tempo e a conciencia, sen o abafo de ter que pensar na clasificación.
Ademais de en R6 Carabina Libre Tendida, modalidade na que conseguiu o billete para Tokyo 2020 e na que foi segundo en Londres, na cita olímpica de Río de Janeiro Juan Saavedra competiu en R3 Carabina Tendida.