Juan Saavedra colga o bronce en París

Pontevedra
01 de setembro 2024

O pontevedrés Juan Antonio Saavedra conseguiu a medalla de bronce nos Xogos Paralímpicos de París 2024 na modalidade de rifle mixto de dez metros en posición tendido, categoría SH1  

Juan Antonio Saavedra, nos Xogos Paralímpicos de París
Juan Antonio Saavedra, nos Xogos Paralímpicos de París / Comité Paralímpico Español

O pontevedrés Juan Antonio Saavedra conseguiu a medalla de bronce nos Xogos Paralímpicos de París 2024 na modalidade de rifle mixto de dez metros en posición tendido, categoría SH1.

Na mañá deste domingo, Saavedra clasificouse para a final como segundo entre os oito mellores, manténdose na loita polas medallas desde o inicio da proba.

Tras as dúas primeiras roldas, o pontevedrés posicionouse en segundo lugar con 105,9 puntos, a só unha décima da eslovaca Veronika Vadovicova.

Co comezo das eliminacións, Saavedra foi superando cada fase ata chegar á rolda que garantía as medallas con 1,3 puntos de vantaxe sobre a chinesa Huanyu Xie. Na rolda decisiva, o pontevedrés aumentou a diferenza a 1,7 puntos, asegurando a terceira posición, aínda que quedou a sete décimas de avanzar á loita polo ouro.

Finalmente, Saavedra logrou o bronce cun total de 232,1 puntos, terminando por detrás dos eslovacos Veronika Vadovicova, novo récord paralímpico con 254,2 puntos, e Radoslav Malenovsky, que alcanzou 253,6 puntos.

Este é o terceiro metal nuns Xogos Paralímpicos para Saavedra, quen buscará aumentar o seu palmarés o vindeiro xoves 5 de setembro na proba de carabina libre tendido 50 metros R6.