Juan Antonio Saavedra saca o billete para os seus sextos Xogos Paralímpicos

Pontevedra
30 de maio 2023

Co o seu ouro na Copa do Mundo de Tiro de Changwon (Corea do Sur), o tirador pontevedrés conseguiu a primeira praza para o Equipo Paralímpico Español nos Xogos de París 2024

Juan Antonio Saavedra tras conseguir a medalla de ouro na Copa do Mundo de Tiro de Changwon (Corea do Sur)
Juan Antonio Saavedra tras conseguir a medalla de ouro na Copa do Mundo de Tiro de Changwon (Corea do Sur)

O deporte pontevedrés xa ten ao seu primeiro representante clasificado para París 2024, concretamente para os Xogos Paralímpicos.

Trátase do tirador Juan Antonio Saavedra, que coa medalla de ouro conseguida na Copa do Mundo de Tiro de Changwon (Corea do Sur), logrou o primeiro billete aos Xogos do Equipo Paralímpico Español.

Será a sexta partipación olímpica de Saavedra, que debutou en Sydney 2000 pasando despues polas citas de Atenas 2004, Londres 2012, Ríos 2016 e Tokyo 2020. No seu palmarés locen ademais dúas medallas, de prata en Londres e de bronce en Tokyo, ademais dos diplomas de Atenas 2004 (4º) e Sidney 2000 (8º).

O pontevedrés asinou en Corea unha rolda inicial de 637.7 puntos que supoñía un novo récord de España na proba mixta de carabina tendido a 10 metros (R3) e que lle facía pasar á final co mellor rexistro. Unha vez alí volveu demostrar a súa clase con 253.4 puntos que lle valeron o ouro por diante da ucraína Iryna Shchetnik (252.9) e da tailandesa Chutina Arunmat (231.3).

"A final foi complicada porque sabes que só había unha praza", explicou Juan Saavedra tras a competición en declaracións recollidas por e Comité Paralímpico Español. "A única maneira de garantir que levases a praza era gana. A miña idea foi desde o principio ir a matar, ir ao máximo", explicou. 

Logrado o obxectivo e a clasificación olímpica "permíteme afrontar París doutra maneira, agora teño máis dun ano por diante para planificalo", recoñece, e iso que afronó a Copa do Mundo con só un mes de adestramento tras un período de baixa de oito semanas, pero "sabía que estaba a tirar ben", afirmou.

Curiosamente o billete olímpico non chegou na proba na que é dobre medallista, a de carabina tendido a 50 metros (R6), e na que competía aínda este martes para pechar a súa presenza en Changwon.