Juan Antonio Saavedra, de rozar o récord do mundo na cualificación a ser sétimo na final do Mundial

Pontevedra
29 de setembro 2023

O deportista pontevedrés, xa clasificado para os Xogos Paralímpicos de París, competiu estes días no Campionato do Mundo de Tiro que se celebrou en Lima, Perú

Juan Antonio Saavedra, durante unha competición
Juan Antonio Saavedra, durante unha competición / Comité Paralímpico Español

Aspiraba ao máximo, pero non foi a competición de Juan Antonio Saavedra o Campionato do Mundo de Tiro Paralímpico celebrado estes últimos días en Lima, Perú.

Xa clasificado para París 2024, o tirador pontevedrés afrontaba a cita xa sen a presión de ter que buscar o pasaporte olímpico.

Primeiro fíxoo debutando na proba de R3 - Rifle 10 metros tendido, na que cun posto 17 na clasificación non puido meterse na pelexa polas medallas.

Era en todo caso unha toma de contacto, porque as súas esperanzas estaban postas no R6 - Rifle 50 metros tendido, proba na que gañou a prata en Londres 2012 e o bronce en Tokyo 2020.

Nesa categoría o certo é que non puido comezar mellor, xa que foi o mellor de todos os participantes na rolda clasificatoria, fixando un novo récord de España con 626,7 puntos e quedando a só un punto do récord do Mundo.

Con ese resultado aspiraba ao máximo este xoves na final, pero non tivo o seu mellor día tendo que conformarse coa sétima posición final, sendo eliminado tras a terceira rolda.