Gran xornada deportiva, unha máis, a vivida este sábado ao redor do tríatlon nas rúas da cidade.
Preto de 450 deportistas déronse cita nas diferentes probas previstas no XVII Tríatlon Cidade de Pontevedra, con categorías populares en distancia sprint e minisprint e federadas con categoría de Campionato Galego.
Nestas últimas, as carreiras absolutas que pecharon a competición, os grandes vencedores foron Joselyn Brea e Antonio Serrat, ambos os triatletas de Tri-Pentas Terras de Lugo.
Na proba feminina Joselyn (1:03.25) fíxose coa vitoria grazas ao seu gran segmento final, na carreira a pé, na que superou ás irmás Melina e Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), segunda e terceira respectivamente.
A natación estivo dominada pola junior Iria Rodríguez, cuarta en meta, con Melina Alonso moi preto para aproveitar a situación e destacarse no sector ciclista sobre un grupo de catro deportistas no que estaban a propia Iria Rodríguez, Joselyn Brea, Camila Alonso e Moira Candela. Así se chegou á última transición, pero nos 5.000 metros de carreira Joselyn foi a máis rápida para neutralizar á ferrolá e marcharse en solitario ata o final.
Na proba masculina os grandes favoritos deixaron clara a súa condición desde o inicio, e así os internacionais Antonio Serrat, Uxío Abuín e Luismi Velásques formaron un grupo na cabeza no ciclismo tras un bo sector de natación. Chegaron xuntos á última transición, polo que todo decidiuse na carreira a pé en favor de Serrat (54:37), con Abuín (Olímpico de Vedra) na segunda posición. Terceiro finalmente tras unha notable remontada foi Antonio Benito (Cidade de Lugo Fluvial), aínda que o bronce do campionato levouno Velásquez (Tri-Pentas Terras de Lugo).
Noutras categorías destacou o triunfo da pontevedresa Henar Diana Cons (Motobike Galaico Pontevedra) na categoría cadete, mentres Juan Francico Fernández (Club Ciclismo Tríatlon Poio) gañou en veteranos 1 e Andrés López (Tríatlon Vilagarcía) en veteranos 2.
Consulta aquí as clasificacións completas do XVII Tríatlon Cidade de Pontevedra.