José Rivera, outra "volta a casa" para reforzar a dianteira do Arosa

O Salnés
03 de xullo 2024

O ariete de Vilagarcía, que está a piques de cumprir 25 anos, chega procedente do RC Celta C Gran Peña, no que militou as últimas dúas campañas. Na tempada que acaba de rematar foi titular indiscutible. Xogou 38 partidos e marcou once goles

José Rivera, na súa presentación como xogador do Arosa
José Rivera, na súa presentación como xogador do Arosa / Arosa SC

Outro xogador formando na canteira do Arosa regresa á disciplina do equipo arlequinado. Se hai uns días o que formalizaba a súa volta era o defensa Carlos Torrado, desta vez é o dianteiro José Rivera o que volverá a xogar na Lomba como local.

O ariete de Vilagarcía, que está a piques de cumprir 25 anos, chega procedente do RC Celta C Gran Peña, no que militou as últimas dúas campañas. Na tempada que acaba de rematar foi titular indiscutible. Xogou 38 partidos e marcou once goles.

Rivera formouse ns canteira arlequinada, onde estivo ata o seu último ano de cadete. Foi unha etapa que, como el mesmo dixo na súa presentación, lembra "con moito cariño" xa que moitos dos que hoxe son os seus amigos "coñecinos cando empecei no club".

Despois do Arosa estivo dúas temporadas no RC Deportivo Xuvenil e, de aí, foi ao Pontevedra CF, equipo co que debutou en Segunda B con apenas 17 anos.

Tras seis tempadas no Pontevedra marchou un ano ao Coruxo, en Segunda B, e xogou unha tempada no CF Villanovense estremeño, na Segunda RFEF. 

O seu regreso ao Arosa é algo que lle fai "moita ilusión", destacou o xogador, que asegurou ter "moitas ganas de empezar a traballar" porque considera que "hai un grupo moi bo" para alcanzar o que identificou como o "gran reto" a conseguir, o ascenso de categoría.

"Creo que o proxecto é moi bonito. Hai un plantel novo e ambicioso e creo que podemos sacar uns bos resultados", subliñou José Rivera, que sostivo que volve ao Arosa "con máis madurez e experiencia", algo que espera que lle servira "para ser mellor futbolista".