José Manuel Rial, K.O. para toda a tempada

Pontevedra
14 de decembro 2017

O lateral do Condes de Albarei Teucro foi intervido cirurxicamente este mércores no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez da lesión que se produciu no recente choque ante o Bidasoa

José Manuel Rial, tras ser operado no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez
José Manuel Rial, tras ser operado no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez / SD Teucro

O Condes de Albarei Teucro ten poucas esperanzas de poder volver contar esta tempada con José Manuel Rial.

O lateral teucrista foi intervido cirurxicamente este mércores no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez da lesión que se produciu no recente choque de liga ante o Bidasoa.

Segundo o resultado da resonancia magnética previa á que foi sometido sufría unha rotura limpa da rótula e tamén unha distensión no ligamento cruzado do seu xeonllo.

A operación resultou un éxito, pero o equipo médico non precisou un período exacto de recuperación, xa que dependerá da súa evolución nas próximas semanas e meses. En todo caso explican desde o club pontevedrés que as opcións de que regrese esta campaña ás pistas de xogo son escasas.

Con Rial fóra de combate, convertido ata agora nunha peza crave nos esquemas defensivos de Quique Domínguez, non se descarta poder buscar algún reforzo no parón invernal que comezará tras a eliminatoria de Copa, máis aló da volta doutro especialista defensivo como Johnny Medina tras a súa lesión.