Xornada de ciclismo do bo a vivida este domingo polas estradas das Rías Baixas coa cuarta e última etapa da Volta Ciclista a Galicia, con saída en Sanxenxo e meta en Portonovo.
Chegaba á etapa decisiva o murciano José Luis Faura (Aluminios Cortizo) como líder da xeral, pero o Supermercados Froiz non dixera a última palabra preto da súa casa.
Tras unha fuga inicial de catro corredores, o Froiz traballou duramente para que a diferenza con eles fose mínima ao comezo do segundo e último porto do día, o esixente Monte Castrove. Alí o seu xefe de filas, o portugués Lucas Lopes, dinamitou o grupo principal cun forte ataque ao que só puideron responder o líder Faura e Martín Rey (Cortizo).
Lopes, cuarto na xeral, poñía todo da súa parte para tentar o asalto ao podio. Antes de coronorar uníanselles un grupo de perseguidores, formándose un sexteto no que aparecía Samuel Fernández (Gomur).
Camiño a Portonovo, en Dorrón, e coa estrada picando cara arriba, o representante do Froiz soltou a todos os seus compañeiros para buscar ir en solitario, pero non frutificou. Si o fixo o intento de Samuel Fernández a tres quilómetros de meta, que lle valeu para levantar os brazos en meta como vencedor da etapa.
José Luis Faura facíase pola súa banda co triunfo na xeral, cun Lucas Lopes que ascendía ao segundo posto a 45 segundos e con Pablo García (Polti Kometa) en terceira posición a 54. Lopes comandou a clasificación sub-23.