O partido deste sábado 19 de marzo (19.00 horas) na Lomba fronte ao Palencia Cristo Atlético non será un encontro máis para e Arosa, e é que servirá para premiar a fidelidade dun dos seus seguidores máis entregados.
Trátase de José López Rodríguez, socio número 1 con máis de 70 anos de antigüidade como abonado e que a próxima semana cumprirá 93 anos.
Nos prolegómenos do duelo está previsto unha homenaxe a José, habitual nas bancadas da Lomba e que ao longo de todos estes anos chegou a ocupar un posto na directiva. "Estiven dous anos co Manolo Gallego no ano 62, levaba as contas", rememora nunha charla compartida polo Arosa.
Na súa mente estraña os anos nunha Terceira División que "non era como agora, porque había Primeira, Segunda e Terceira, e o Arosa xogaba ata no País Vasco". En canto ao plantel actual "Julito Rey encántame, que ademais é veciño meu", sinala con humor un home que é abonado desde que tiña 21 anos.
No partido do sábado viviremos un momento moi especial: unha homenaxe ao noso socio número 1.
— AROSA SC (@AROSASCOFICIAL) March 17, 2022
José López Rodríguez leva máis de 70 anos sendo abonado e hoxe falamos con el para escoitar a súa historia. https://t.co/tPAuHlf52G
No que respecta ao duelo fronte ao Palencia Cristo Atlético, trátase dunha cita importante para o cadro arlequinado tras caer a postos de descenso cos seus últimos resultados e ser un rival directo que só conta con tres puntos máis na táboa.
"É un rival difícil de clasificar, porque é un dos equipos goleadores pero tamén dos máis goleados. Volve os partidos en unha ida e volta, adoita deixar a xogadores descolgados e iso require moita concentración", analiza o técnico dos de Vilagarcía, Jorge Otero, para un choque no que recupera efectivos pero no que seguirá sen poder contar con Pedro García e Róber por lesión.