Un equipo integrado exclusivamente por xogadores galegos. En total 19 homes que conseguiron devolver o Pontevedra á categoría de bronce do fútbol español ao terceiro intento. Non sen sufrir previamente (e moito), como xa comentouse estes días, nunha eliminatoria fronte ao CD Mensajero, da que foron protagonistas directos.
Dous deles, José Emilio, redondelano, capitán daquel recordado equipo, extremo esquerdo, posuidor dunha zurda cunha calidade poucas veces vista en Pasarón, e Churruca, lateral zurdo, de Caldas de Reis, e granate de berce, non en van o seu pai tamén vestiu a camisola do Pontevedra CF. Ambos os dous contan para os lectores de PontevedraViva os seus recordos daquela eliminatoria de hai 31 anos.
JOSÉ EMILIO
"Un partido para esquecer
Aínda que pasaron 31 anos, recordo con angustia, aquel primeiro partido da eliminatoria de ascenso, na Isla de la Palma contra o equipo do Mensajero.
Tiñamos a experiencia previa de ter perdido inxustamente as eliminatorias dos dous anos anteriores, despois de dúas tempadas nunha categoría que nos quedaba pequena e que dominaramos con clara superioridade. Na primeira impediunos o ascenso o Hospitalet, despois dun segundo partido en Pasarón que merecemos gañar cunha clara diferenza de goles abondo para conseguir ascender. Na segunda deixounos fóra o Eibar despois de prórroga e penaltis.
Estas experiencias informábannos da desconfianza que había que ter neste tipo de eliminatorias, nas que un malo partido ou un revés da fortuna te apartan do ascenso.
Do Mensajero sabiamos poucas cousas cando o sorteo nos deparou a sorpresa de ter que xogarnos o primeiro asalto ao ascenso na Isla de la Palma. Empezaron a chegarnos informacións que indicaban que a eliminatoria non ía ser doada. Un equipo adestrado por un galego, Lamelo, ao que eu tivera como seleccionador xuvenil galego, que adestrara o Tenerife e nos coñecía. No equipo había algúns xogadores coñecidos e con experiencia que pertenceran a equipos de Las Palmas e Tenerife. Conformaban un equipo forte e difícil de vencer na súa casa. Eran os tempos en que a FEF tivera a ocorrencia absurda de impoñer na aliñación inicial dous xogadores sub 20.
Pero o peor estaba por vir. Recordo a impresión tan negativa que me produciu a chegada a aquel campo escavado entre rochas de lava negra e no que sopraba un vento infernal, que moito me temía ía ter un protagonismo substancial no partido.
O terreo de xogo era duro como o cemento, non era un campo de terra, era un campo de lava cuberto por un po volcánico que o vento levantaba constantemente.
Nada máis comezar o partido encaixáronnos contra a nosa portaría e cando aínda non despexaramos un balón, xa estaban a atacarnos de novo. Non conseguiamos saír da nosa área. Aos quince minutos xa perdiamos por dous a cero e naquel momento pensei que perdiamos a eliminatoria e o ascenso outra vez.
Aínda hoxe non me explico como Domingo conseguiu marcar aquel gol co ombro no primeiro tempo. Entre o bote do balón, a dureza do campo e o vento, era imposible ganduxar unha xogada e controlar o partido. Só defender como boamente puidemos. Aquel día, o partido e a eliminatoria salvárona nosa defensa e o gol de Domingo. Despois, cos cambios dos sub 20, durante o segundo tempo controlamos o partido.
José Emilio: "en Pasarón, despois de regalo convenientemente o campo aos canarios, metémoslles cinco"
O encontro rematou 2-1, respiramos de alivio e logo en Pasarón, despois de regalo convenientemente o campo aos canarios, metémoslles cinco. Un partido que dominamos claramente con goles e bo xogo. Unha proba máis de moitas de que o fútbol e os resultados dependen de factores non controlables, alleos ao xogo e que determinan discorrer dos partidos.
Aquela eliminatoria encheunos de confianza para a seguinte fronte ao Eibar na que conseguimos, por fin, o ansiado ascenso".
CHURRUCA
"Esta eliminatoria estivo chea de moitas anécdotas curiosas que fan que os enfrontamentos co Mensajero sexan singulares. Primeiro a viaxe xa deixounos imaxes para o recordo, voo con varias escalas e na última cun avión de hélice que nos levou a esta preciosa illa verde.
Churruca: "O campo estaba rodeado de montañas e os afeccionados estaban a todo o longo e alto como nunha película do oeste"
Cando vimos o campo a sensación non foi boa xa que era de terra-cinza volcánica. Superficie que viamos por primeira vez. O campo estaba rodeado de montañas e os afeccionados estaban a todo o longo e alto como nunha película do oeste. A afección local meteu moita presión e, ao non estar habituados ao terreo, ao bote do balón e a que o equipo rival saíu moi enganchado, pronto perdiamos por 2-0.
Pouco a pouco fómonos aclimatando, vencendo a presión e tratando de facer o noso fútbol. Ao final maquillamos o resultado e perdemos por 2-1.
O partido de volta caracterizouse pola gran "tromba de auga" que deixou o campo moi rápido. Isto éranos moi favorable xa que no noso equipo contabamos con xente moi rápida que se adaptaba ben ao estado do campo. Os canarios non entendían que con máis de 30 graos e ceo despexado "chovera". Pasarón lucía unha entrada espectacular cunha afección envorcada dende moito antes do inicio e con todas estas
circunstancias o equipo non podía fallar e non fallou. Resultado contundente de 5-0.
A primeira parte foi igualada pero na segunda parte, esporeados pola nosa afección, o rival tivo que claudicar ante o noso mellor xogo.
Estou seguro que este ano ten que ser. O noso equipo, a cidade e a grande afección granate merécese este ascenso. A por eles! "