O presidente da Real Federación Española de Balonmán reuniuse, de maneira telemática, cos clubs que formarán a División Honra Prata na tempada 2020/2021, e así trasladarlles a súa proposta inicial de como serán os grupos durante a próxima campaña.
Durante a reunión celebrada o pasado venres, o presidente explicou que, nun principio, a categoría formarase por dous grupos de dez equipos nunha primeira fase. "Cremos que é a mellor maneira para non acumular máis partidos", asegura o directivo da Sociedad Deportiva Teucro, José Ameijeiras, que en todo momento mostrouse en contra de incrementar a categoría. "Se fose unha liga regular iriamos a 38 partidos, oito máis que nunha liga de 16", aclarou.
En canto aos ascensos e descensos, realizarase outra fase con grupos de dez, un para o ascenso e outro para o descenso. Nesta segunda fase valerían os puntos que se conseguiron contra os equipos que coincidan na primeira fase, e deles, ascenderían dous a Asobal e descenderían cinco a Primeira Nacional.
"Ao ser dúas fases e sempre que se manteña que na segunda fase só se xoga contra os equipos cos que non xogamos na primeira fase, tanto para xogar por ascenso como para xogar para descenso, xogariamos dous partidos menos que nunha liga de 16, en total 28", explicou Ameijeiras.
Con respecto ao deportivo, "os dous grupos son bastante parellos xa que hai seis ascendidos e saen tres en cada grupo. Creo que vai ser emocionante", expresou o directivo. "Veremos como se desenvolve, pois non sabemos nin cando vai comezar, nin se se poderá ter socios e afeccionados nos pavillóns".
En canto ao aforo, non está preocupado, "oxalá permitan unha porcentaxe, nós ao xogar no Municipal non teriamos problemas".
Aínda así, hai que esperar a que a Asemblea da Federación, que ten a última palabra, decida como se vai a desenvolver o campionato. Para iso votarán nunha reunión presencial que se celebrará o próximo 13 de xuño en Madrid.
Equipos que formarán a División de Honra Prata durante a tempada 2020/2021
GRUPO A: Teucro, Novás (Galicia), Lalín (Galicia), Barça B (Cataluña), Bordils (Cataluña), Sarriá (Cataluña), Adrianenc (Cataluña), Burgos, Ibiza (Baleares) e Torrelavega (Cantabria).
GRUPO B: Antequera (Andalucía), Caja Sur (Andalucía), Málaga (Andalucía), Palma del Río (Andalucía), Zarautz (País Vasco), Trapagarán (País Vasco), Ikasa (Madrid), Alcobendas (Madrid), Ciudad Real (Castilla la Mancha) e Zamora (Castilla León).