Jornada positiva para os equipos do Club Waterpolo Galaico Pontevedra

Pontevedra
06 de novembro 2012

O equipo absoluto sitúase como líder da liga galega de primeira división

O Club Waterpolo Galaico Pontevedra gozou dunha xornada positiva conseguindo tres vitorias fronte ao CW Santiago na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Na Liga Galega Absoluta de 1ª división o Galaico Pontevedra fíxose coa primeira posición da táboa grazas á vitoria fronte ao CW Santiago por 16-5. Os pontevedreses fixeron un partido moi serio en defensa e con notable melloría no apartado ofensivo con respecto a encontros anteriores.

Aínda que comezou fallando os primeiros ataques, adiantándose o CW Santiago en dúas ocasións no primeiro parcial, os locais foron capaces de remontar e chegar ao segundo cuarto con vantaxe.

A partir de aquí o Galaico Pontevedra foise distanciando no marcador pouco a pouco, sobre todo no terceiro cuarto onde os pontevedreses romperon o partido cun parcial de 7-2.

No último cuarto os pontevedreses non se relaxaron e mantiveron o ritmo de xogo alto, ampliando a vantaxe ata o 16-5 final. Neste último cuarto o técnico local fixo debutar co primeiro equipo o porteiro cadete Raúl Viceiro.

O seguinte partido, de Liga Galega Cría de mini-wáter-polo, estivo máis igualado finalizando tamén con vitoria local por 8-5, quedando para pechar xornada o partido de Liga Galega Cadete, no que os pontevedreses conseguiron a vitoria por 14-7.