Jorge Rodríguez e Capi, ex xogadores de Rácing de Ferrol e Ourense, súmanse ao Pontevedra 2014-2015

Pontevedra
17 de xullo 2014

Nas súas dúas últimas tempadas co Rácing de Ferrol, Rodríguez xogou 39 partidos en Terceira división, sendo peza clave no ascenso do equipo que adestraba José Manuel Aira, ao anotar 20 goles, mentres que a pasada tempada en Segunda B actuou en 38 partidos, sumando 12 goles

Jorge Rodríguez, nun momento do partido entre Pontevedra e Rácing de Ferrol en Pasarón
Jorge Rodríguez, nun momento do partido entre Pontevedra e Rácing de Ferrol en Pasarón

Pendente de pechar a renovación de Pablo Carnero, o Pontevedra segue botando as súas redes no mercado en busca dun dianteiro que garanta goles e que poida ser o complemento perfecto para o propio Carnero, en caso de lograr a súa continuidade. E os granates encontraron o xogador que buscaban. Jorge Rodríguez, dianteiro que as dúas últimas tempadas militou nas filas do Rácing de Ferrol, co que conseguiu o ascenso a Segunda B, será xogador granate durante as dúas próximas tempadas.

O dianteiro cántabro, de 32 anos de idade, tras non ser renovado polo club departamental, mantiña a súa residencia na cidade ferrolana, e encontrábase valorando as distintas opcións que lle chegaran, entre elas as do Boiro e Rácing Villalbés, ademais doutras dalgún equipo de Segunda B, de fóra de Galicia.

Antes da confirmación da fichaxe por parte do club, o xogador recoñecía a PontevedraViva os contactos coa entidade granate: "Sí, hay conversaciones. El Pontevedra se ha dirigido a mí y no oculto que es una opción que me gusta, porque están haciendo un proyecto muy interesante y ambicioso, y además a todo jugador le gusta estar en un equipo como ese, con un gran estadio y una estupenda afición detrás".

A opción do Pontevedra "es una posibilidad que me gusta mucho", recoñecía Jorge Rodríguez, que nas súas dúas últimas tempadas co Rácing de Ferrol, xogou 39 partidos en Terceira división, sendo peza clave no ascenso do equipo que adestraba José Manuel Aira, ao anotar 20 goles, mentres que a pasada tempada en Segunda B actuou en 38 partidos, sumando 12 goles.

Ademais de Jorge Rodríguez, o Pontevedra pechou na tarde deste xoves unha segunda fichaxe. Trátase do central Borja Calvar, coñecido deportivamente como 'Capi'. O defensa vigués, que xogou a pasada tempada no Ourense, asinou un contrato por unha tempada. Ten 33 anos e a súa carreira deportiva levouno a militar tamén no Zaragoza, Murcia, Lorca, Las Palmas ou Montañeros.

CARNEIRO SEGUE SEN RENOVAR

Polo que respecta a Pablo Carnero, as negociacións seguen en punto morto. O xogador confirmaba igualmente a PontevedraViva que estaba pendente dunha última negociación co club granate nas próximas horas para decidir o seu destino, querendo destacar que, a pesar das ofertas coas que conta, non lle desagradaría seguir aquí para intentar contribuír ao ascenso do equipo.

A comisión deportiva do club granate confía en pechar as negociacións con estes dous xogadores antes do próximo luns, data fixada por Manu Fernández para o comezo dos adestramentos.