Socio do Pontevedra Club de Fútbol dende "os seis ou sete anos" Jorge Pedrosa decidiu dar un paso á fronte e mostrar a súa intención de dirixir o club despois da Xunta de Accionistas do próximo 15 de abril, tal e como adiantou PontevedraViva. Pedrosa, tras o balbordo inicial, explica as claves da súa proposta.
Desveladas as túas intencións, cambiouche moito a vida?
A verdade é que non, tiven algunhas chamadas dos medios e cinco ou seis de amigos que a verdade non sabía que os tiña tan bos, todos me apoian, ninguén me quere botar para atrás.
O 15 de abril explicarás o teu proposta na Xunta, a decisión é firme?
"Digo que me presento só unha vez, non vou dicir oito veces que me vou nin cambiar os prazos"
Nese sentido as cartas póñoas sobre a mesa. Se digo unha vez que me presento é unha vez, non vou dicir oito veces que me vou nin cambiar os prazos. Farei a presentación dunha candidatura, se resulta que a parte maioritaria encontra outra persoa que crean máis conveniente ou mesmo Lupe Murillo se quere presentar, eu sempre dixen que estaría encantado, non tería dado este paso nin moito menos e ireime para a miña casa tan tranquilo. Estou disposto a facer polo club o que faga falta.
Que te ten motivado a dar o paso?
A xente me para pola rúa e dime que isto hai que arranxalo, deben estar moi enfadados no aspecto social creo, máis que no económico e no deportivo, por iso o primeiro que vou facer se chego ao club é montar unha oficina de atención ao socio e accionista e adicar como mínimo unha tarde cada mes a atender á xente e contestar a todo o que pregunte.
Hai que traballar canto antes na planificación da próxima tempada?
A min gustaríame que o presidente actual cumprise a súa palabra de que se vai a final de tempada e que vai deixar pagadas as nóminas aos xogadores ao 100%. Con esas dúas cousas xa me conformo, o caso é que non podes chegar a maio sen falar con xente que poida ser colaborador ou conselleiro e sen ver parte da estrutura deportiva. Nun mes queremos ter trazada na Xunta a liña en canto a conselleiros e cometidos de cada un e ao finalizar abril ter deseñada unha organización deportiva, se non é moi difícil.
En PontevedraViva adiantamos que homes como Rafa Ceresuela, Tito Estévez, Guillermo ou Manolo Barreiro poderían colaborar no proxecto, podemos coñecer máis nomes?
En principio non, deixarémolo para o día 15 de abril.
Cales serán os obxectivos inmediatos?
O tema é o final de liga, como granates somos optimistas e pensamos que o Pontevedra pode xogar a fase de ascenso a Segunda B. Dependendo de se se clasifica haberá que facer plan A e B, pero centraríame máis en facer un plan para Terceira División, non porque por pesimismo crea que non se vai ascender pero é difícil. Meterse nestes momentos cun proxecto para Segunda B sería unha equivocación tremenda.
Hai que sacar ao club canto antes de Terceira?
Si porque o Pontevedra en Terceira debería ter como moito o castigo de estar dous anos. O que dicimos sempre, por historia, por cidade e por moitas outras cousas non pode estar aí, aínda que se por presuposto non queda outro remedio pois haberá que estar.
Outros equipos mantéñense en Segunda B cun presuposto similar e mesmo rozando o ascenso.
E moitos con xogadores da súa cidade, da canteira ou das proximidades ou xogadores que compaxinan o fútbol con outras actividades. ÿ do que se trata, non en ser especiais ou caprichosos e fichar un xogador que á fin e ao cabo vai custar máis que cinco que poden ser mellores.
Pasarón mostra un aspecto insulso nos últimos partidos, cansouse a masa social?
"O estadio hai que enchelo, haberá que facer un cambio de política de carnés e un cambio de política de entradas para que se encha"
O Pontevedra non pode ter un estadio de 12.000 cadeiras e que vaian menos do dez ou cinco por cento. Iso non pode ser, o estadio hai que enchelo dun xeito ou outro, haberá que facer un cambio de política de carnés, un cambio de política de entradas para que se encha, e ao mellor mesmo se recada máis en beneficio do club. Un club como unha sociedade recreativa ou círculo mercantil ten que financiarse polos seus aboados e os seus socios, non por persoas alleas. O principal ingreso deben ser os aboados, cousa que no Pontevedra hai moito que non pasa.
Con Jorge Pedrosa volverá a xunta directiva á antiga usanza?
O anterior presidente Mirón, pola súa porcentaxe de accións, podería ter seis conselleiros e sempre tivo un ou dous, nestes momentos ten só un tendo dereito a seis e outros que teñen dereito a un teñen catro ou cinco. Gustaríame que os accionistas xa que se implicaron poñendo diñeiro que se impliquen nos postos, e que sexan proporcionais os conselleiros. Non me vale de nada que digan pon ti aos oito conselleiros e fai o que queiras, nese sentido non estaría tan lexitimado para ir aos sitios en nome do Pontevedra.
Citas a Nino Mirón, tes medo de que se te relacione con el e a súa xestión?
"Que alguén crea que vou coidar o cocido a Nino? Está confundido, é máis, Nino esta decisión non a sabía"
Ningún, entre asembleas e xuntas debín estar de secretario nunhas 30 e nunca tiven unha incidencia con ningún socio, tiven que defender unhas veces ao presidente e outras dicir que se calase pero creo que fun bastante imparcial en todo. O que podo asegurar é que traballei moitas horas para o Pontevedra, horas do meu despacho, da miña vida e da miña familia, e o fixen porque me gratificaba, desinteresadamente. Que alguén crea que vou coidar o cocido a Nino? Está confundido, é máis, Nino esta decisión non a sabía. Niso son moi sincero, non teño a mínima instrución del, fareille caso pola súa experiencia no que creo que podo facerlle caso e no que non pois non, independencia absoluta.
Despois de tantos anos como socio o que non se pode poñer en dúdiba é o teu cariño ao club
Ía de pequeno á Toxa a ver aos concentrados, teño ido a durmir de carabina aos desprazamentos, recordo un a Guetxo con 8 e 10 anos. Teño os meus carnés coleccionados de cando tiña seis, sete e oito anos. ÿ curioso porque teño xusto o carné anterior ao de Mariano Rajoy. Teño o libro arquivado no que nos damos de alta 20 á vez o mesmo dia e deses só quedamos Miguel Filgueira, Rajoy e eu. Creo que lexitimado estou, cando me chamou Gerardo Lorenzo en xullo do 97 fomos ao apoio e con Nino fixen moito traballo. Os empregados do club coñécenme perfectamente, saben o que traballo e saben como me portei sempre con eles.