Despois de algo máis de dúas semanas de pretemporada, Jesús Ramos móstrase optimista sobre o que está a ver do plantel nos adestramentos. O técnico do Pontevedra Club de Fútbol non esconde que "o obxectivo final ten que ser como mínimo estar na PRO", pero tamén valora o papel que están desempeñado os canteiráns, o protagonismo que terán ao longo do ano e a posible chegada de reforzos, do mesmo xeito que analiza aos rivais e o que espera do curso que cada vez está máis preto de comezar.
- Como estás a ver ao plantel?
A verdade é que moi ben. Xa chegaron nun estado de forma moi boa. Están a traballar a moi alta intensidade xa, así que non hai queixa.
- Á espera de poder fixar amigables, organizastes xa un partidiño en Pasarón, que tal a experiencia?
Xogamos entre nós, que é o que podemos. Foi un partido o máis real posible facendo dous equipos e a verdade é que moi boas sensacións. O que estivemos a traballar estas dúas semanas levárono acabo. En canto aos amigables hai outros equipos que están a xogar e nós os galegos non, non é que sexa un problema pero estamos a competir ao final en desigualdade. Se se puidesen xogar 5 ou 6 sería perfecto.
- A tempada pasada puidéronse ver detalles do que quere Jesús Ramos do equipo, nos encontros que estiveches á fronte, pero agora con tempo para traballar que Pontevedra podemos esperar este ano?
"O Pontevedra por historia, polo que estamos a investir e a ilusión que estamos a crear está claro que somos un dos favoritos"
Queremos evolucionar un pouco o que fixemos o ano pasado. Sabemos que o modelo de xogo é unha cousa que non é un estanco, hai que evolucionalo semana a semana, día a día. Gustaríanos un equipo que defenda moi ben, en bloque, tanto se é de maneira presionante coma se é en contención. Logo con pelota non asumir moito risco en situación de inicio de xogo pero si que en campo contrario hai que ser sobre todo en Pasarón un equipo que domine, xa só polos xogadores que fichamos, queremos un Pontevedra que sexa moi agresivo en ataque, que teña moito centro-remate, que xogue ao espazo… e logo en transicións un bloque que repregue como bestas. En resumo un equipo moi dinámico e agresivo e que logo cando teña a pelota que sexa vertical.
- A chegada de xogadores como Charles ou Xisco directamente desde Primeira División é xa toda unha declaración de intencións.
O club fixo un esforzo moi importante que é de agradecer. Nese aspecto o de Charles é un agasallo porque seguro que tiña ofertas de categoría superior. Xisco é outro xogador con moita experiencia, Mario tamén… e logo hai xogadores con mocidade que deron un plus aos seus equipos. Temos unha mestura de experiencia e mocidade que é o que queriamos.
- Nese sentido, os rivais colocan ao Pontevedra como un dos grandes favoritos do grupo. Escapas desa presión ou a asumes?
Non, hai que aceptalo. Sabemos que o Pontevedra por historia, polo que estamos a investir e a ilusión que estamos a crear está claro que somos un dos favoritos, pero claro o resto tamén xoga e está a facer bos equipos. É o caso do Guijuelo que está incorporando boa xente, o Zamora aínda que sexa un recentemente ascendido ten futbolistas que xogaron moitos anos a bo nivel na Segunda B, o Salamanca o mesmo, Compostela aínda que sexa tamén recentemente ascendido leva traballando co mesmo bloque 4 anos e vai ser complicado, do Depor xa nin falemos, o Ferrol está a facer boas incorporacións… se cadra o que é un pouco incógnita é o Celta B, pero seguro que tendo un equipo en Primeira vai querer meter na PRO.
"O obxectivo final ten que ser como mínimo estar na PRO"
- E ti, que obxectivos marcas?
Parvos non imos ser, se fichamos bos futbolistas e estamos a facer un bo grupo de traballo o obxectivo final ten que ser como mínimo estar na PRO. Pero primeiro hai que ir paso a paso e facer unha boa pretempada. Vai ser difícil, está claro, porque somos 102 equipos querendo 40 prazas.
- As fichas sénior están teñen todas dono, xa, pero non está pechado a cota de sub-23. Cal é a posición prioritaria para reforzar?
Imos seguir traballando. Quédannos cinco semanas e imos ir vendo. Ademais os rapaces do fútbol base, da canteira, están a traballar moi ben e se cadra ata temos as solucións na canteira. Oxalá que dean ese pasito e eu como ex-director da canteira encantaríame que os rapaces sub-23 fosen do club. Teñen que dar ese paso adiante e dar o nivel, que polo momento o están dando.
- Sete deses futbolistas (Diego Dadín, Pablo López, David Veiga, Martín Diz, Vilariño, Iñaki e Pacheco) están a facer a pretempada. Van seguir todo o ano en dinámica primeiro equipo e contarán con oportunidades?
Si, falábao o outro día cos futbolistas. Hai que lembrar que este ano á parte de lesións de calquera índole temos a lesión da Covid, e se cadra durante 15 días se o colles non podes xogar. Tampouco sabemos se vai haber ao final 5 cambios, que a min persoalmente me gustaría. Se se contaxian dous ou tres non vas ter máis narices que tirar do que tes, e aí é importante ter boa canteira.
- E en canto á tempada e ao formato de competición, que esperas? cal é o camiño para seguir?
Son 18 xornadas na que te xogas tres camiños, un para o ascenso, outro para a PRO e outro para non descender. Vas ter pouca marxe para o erro, cada partido vai ser case como unha final. Temos que tentar non fallar na casa, nunca, e despois fóra non vai a chegar só con empatar.
- Subiu o nivel da categoría?
Si subiu porque ao final todo o mundo vai querer meter como mínimo en liga PRO. Calquera grupo ou subgrupo é un escándalo con 4, 5 ou 6 equipos que teñen orzamento, plantel e cidade que lle apoia. Vai ser un camiño complicado.