Jesús Cambil: "Esta categoría dá igual o equipo que sexa, é durísima"

Pontevedra
16 de outubro 2024

O centrocampista granate compareceu este mércores na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón. Asegura que "aos poucos vou collendo a idea do míster" e móstrase confiado en que os resultados chegarán

Jesús Cambil, adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Jesús Cambil, adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

É unha das incorporacións do Pontevedra esta tempada e aos poucos vai gañando en protagonismo, sendo o home da segunda unidade máis utilizado até a data.

Jesús Cambil participou xa en sete encontros (293 minutos), tres deles partindo no once titular entre os que destacan os dous últimos triunfos a domicilio, contra Langreo e Escobedo.

"Aos poucos vou collendo a idea do míster, que é un pouco diferente ao que viña estando afeito noutros sitios", asegurou este mércores desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón. Un proceso que asume con humildade porque "desde o primeiro día vin para achegar o meu graniño, cando o míster decide que sexa titular xa sexa na casa ou fóra tentarei dar o máximo e se non é así seguir traballando para cando me chegue a oportunidade poder axudar o equipo", afirma.

Cambil defende o traballo que está a realizar o plantel ás ordes de Yago Iglesias, e é que "estamos convencidos que no momento que nos entren un pouco máis os goles e as ocasións van verse moito mellores resultados".

Ademais, sinala o centrocampista, "nesta categoría dá igual o equipo que sexa, é durísima, é moi difícil gañar todos os partidos". Por iso, pide, "agora non podemos mirar nin clasificación nin rivais, só centrarnos en nós, en sacar puntos e partidos e logo en abril miraremos onde estamos".

O futbolista do Pontevedra recoñece en todo caso que "non está a ser fácil o inicio de tempada aquí na casa", algo que confía que cambie co encontro do próximo domingo 20 de outubro fronte ao Rayo Cantabria.

Para ese encontro Cambil espera "un partido parecido ao do Depor B, no que veñan apertarnos alto, un equipo con pernas que vai esixirnos os 90 minutos e a tentar tamén quitarnos o balón".