Non hai quen free a progresión de Jéssica Bouzas, que este xoves meteuse por segunda vez na súa carreira en terceira rolda dun grand slam, igualando o conseguido esta mesma tempada en Wimbledon.
A tenista arousá superou con solvencia o seu segundo encontro no US Open, vencendo ao actual número 33 do ranking mundial, a británica Katie Boulter (7-5, 7-5).
Bouzas tivo que remar no primeiro set, no que chegou a verse 2-4 abaixo, pero non se rendeu igualando primeiro a catro xogos, chegando a salvar unha bóla de set despois e asestando finalmente un break decisivo para anotar o parcial por 7-5.
Jessica Bouzas exhibiendo poderío .#LaPistaDelTenispic.twitter.com/VucNpuUUCQ
— Tenis en Movistar Plus+ (@MovistarTenis) August 29, 2024
No que respecta a a segunda manga, Jéssica tomou vantaxe cunha rotura no terceiro xogo (2-1) e chegou a contar cun dobre break e servizo para pechar o encontro (5-2), pero a súa rival reaccionou con tres xogos consecutivos. Chegouse así ao momento clave do choque, cunha nova rotura da arousá para repetir o 7-5 do primeiro set e levar un triunfo de moitísimo mérito.
Pase o que pase no resto do torneo Jéssica Bouzas ten garantido xa saír de Nova York co mellor ranking da súa carreira deportiva, dando ademais un importante salto na clasificación da WTA.