Punto e final á xira asiática de Jéssica Bouzas.
A tenista arousá, que esta semana alcanzou o mellor ranking mundial da súa carreira no posto 56, retirouse por molestias físicas do torneo WTA 250 de Jiangxi, en China.
Bouzas atopábase xa nos oitavos de final deste torneo, nos que se enfrontaba á suíza Viktorija Golubic.
Aínda que tentou competir e chegou a completar o primeiro set do encontro, que perdeu por 6-2, finalmente as dores que sufría nas súas costas acabaron por supor a súa retirada.
Tras finalizar a súa xira de torneos por Asia, no horizonte de Jéssica Bouzas aparece agora a súa estrea coa Selección Española Abosluta na fase final da Billie Jean King Cup.
A deportista de Vilagarcía inicia agora unha contrarreloxo para recuperarse a tempo para esta competición, que se disputará do 13 ao 20 de novembro en Málaga.
Alí Bouzas acudirá co cartel de segunda mellor tenista española, só superada en ranking por Paula Badisa.
A propia Badosa, Cristina Bucsa, Sara Sorribes e Nuria Parrizas completan o equipo español que competirá na Billie Jean King Cup, un torneo no que participan 12 seleccións nacionais.