Jéssica Bouzas debutará en Wimbledon contra a mellor tenista de Ucraína, Anhelina Kalinina

Pontevedra
30 de xuño 2023

A tenista arousá de vinte anos xogará o primeiro grand slam da súa carreira despois de eliminar a tres rivais na fase previa do aberto británico

Jéssica Bouzas durante un partido da fase previa en Wimbledon
Jéssica Bouzas durante un partido da fase previa en Wimbledon

A disputa do aberto británico de Wimbledon comeza o próximo 3 de xullo e no cadro final, que se publicou este venres, estará a tenista arousá Jéssica Bouzas. Con só vinte anos e xogando por primeira vez nunha superficie de herba, a prometedora deportista pontevedresa rompeu todos os prognósticos ao superar as tres eliminatorias da fase de clasificación.

"Non podo estar máis contenta. Agora toca descansar un pouco e en nada empezar o cadro final, quero gozar a experiencia e dar o máximo", dixo ao programa da TVG En Xogo despois de conseguir a súa histórica vitoria sobre a australiana Gadecki na última rolda da fase previa.

No cadro final, Bouzas quedou emparellada cunha dura rival. A ucraína Anhelina Kalinina ocupa o posto 26 da clasificación WTA e é a tenista mellor clasificada do seu país. Con 26 anos e 1,80 de altura, xa sabe o que é xogar todos os grand slams do circuíto, pero o seu mellor resultado tivo lugar este ano en Australia, onde alcanzou a terceira rolda.

Sobre a herba de Wimbledon só estivo nunha ocasión, no ano 2022, cando alcanzou a segunda rolda. 

Pola súa banda, Jéssica Bouzas afronta o primeiro grand slam da súa carreira sen ningún tipo de presión e co reforzo positivo de gañar tres partidos sobre unha superficie na que nunca xogara. Superar a primeira rolda sería unha fazaña, se o consegue veríase as caras no segundo cruzamento coa húngara Anna Bondar ou a canadense Bianca Andreescu.