A arousá Jéssica Bouzas foi convocada pola Selección Española de Tenis para disputar as Finais da Billie Jean King Cup, que se celebrarán en Málaga do 13 ao 20 de novembro.
Tras pasar por todas as categorías de formación en diferentes competicións internacional, será este ano no que se estreará como internacional absoluta con España compartindo equipo con Paula Badosa, Cristina Bucsa, Nuria Párrizas e Sara Sorribes.
"Temos un equipo moi completo", indicou a seleccionadora Anabel Medina, quen fixo pública a convocatoria este venres. Badosa volverá liderar o equipo, mentres que Bouzas é a gran novidade tras situarse como segunda española na clasificación mundial (60), só por detrás da catalá.
As medallistas olímpicas Cristina Bucsa (77) e Sara Sorribes (115) repiten convocatoria, e Nuria Párrizas (94) regresa despois dun ano no que está de volta no Top-100. "A experiencia de todas elas fai que España sexa un equipo moi completo que é o que necesitamos para esta competición", resumiu Medina.
O debut de Jéssica Bouzas será o 13 de novembro nun dos dous duelos individuais que España disputará coa Polonia de Iga Swiatek, número 1 do tenis feminino mundial. O gañador do España-Polonia medirase en cuartos de final á República Checa.
"É unha eliminatoria difícil, aínda que é certo que cambiará moito polo feito de que estea Iga Swiatek ou non. Nós temos que pensar que ela vai estar. Xa xogamos contra elas o ano pasado e, aínda que non ten grandes nomes, son xogadoras que lles gusta competir moito polo seu país, moi guerreiras e moi comprometidas", indicou a seleccionadora.
Na mesma parte do cadro atópase Italia, subcampioa do ano pasado, que enfrontará á gañadora do cruzamento entre Xapón e Romanía. Do outro lado do cadro, Canadá, actual campioa, medirase en cuartos de final coa gañadora do enfrontamento entre Alemaña e Gran Bretaña, mentres que Australia espera a Eslovaquia ou Estados Unidos.
— Tenis España (@RFETenis) September 13, 2024
Esta es la Selección Española #MAPFREtenis que nos representará en las Finales de la #BJKCup
Palacio de Deportes José María Martín Carpena
13-20 noviembre
https://t.co/fN61Hn8QcGpic.twitter.com/iXzfm0Ns5n