Jéssica Bouzas cae en segunda rolda do WTA 250 de Cleveland e xa mira cara ao US Open

O Salnés
22 de agosto 2024

A tenista arousá puxo contra as cordas á checa Katerina Siniakova, número 36 do mundo e terceira cabeza de serie do torneo, chegando a sacar no terceiro set para gañar o partido. Non o logrou e terminou cedendo no desempate

Jéssica Bouzas, no Master Mapfre de Tenis
Jéssica Bouzas, no Master Mapfre de Tenis / Real Federación Española de Tenis

A un servizo quedou Jéssica Bouzas de alcanzar os cuartos de final no WTA 250 de Cleveland, en Estados unidos.

A tenista arousá puxo contra as cordas á checa Katerina Siniakova, cabeza de serie número tres do torneo e actual 36 do ranking mundial, chegando a servir para pechar o encontro no terceiro set.

Non puido con todo levar ese xogo e terminou caendo no desempate.

Foi un partido duro, de 2 horas e 36 minutos de xogo, que comezou dominado por Bouzas no primeiro parcial (6-2), reaccionando o seu rival para adxudicarse o segundo set (4-6) e rematar despois no tie break (6-7).

Tras este torneo Jéssica Bouzas mira xa cara ao último grand slam do ano, o US Open que arrinca o vindeiro luns día 26 de agosto.